O avogado de Snowden di que o ex analista da CIA quer ficar en Rusia

Snowden quer ficar en Rusia e ten vontade mesmo de procurar traballo. Así o dixo hoxe o seu avogado, Anatoly Kucherena. O ex analista da CIA xa ten permiso para abandonar a zona de tránsito do aeroporto Sheremetyevo, en Moscova.

Snowden
photo_camera Snowden

Vanse despexando algunhas incertezas sobre o inminente futuro de Edward Snowden, varado na zona de tránsito do aeroporto moscovita desde o pasado 23 de Xuño.

En primeiro lugar, o analista informático que revelou ao mundo que a Administración Obama espía masivamente a cidadáns e a Estados de todo o planeta, incluídos os seus aliados da UE, xa ten claro que non lle vai ser posíbel deslocarse a América Latina. Maduro non terá a Snowden canda el e non porque o norteamericano non queira, senón porque materialmente (politicamente) non se dan as condicións que permitirían a súa viaxe (non se achan Estados con vontade de enfrentar un durísimo conflito diplomático e/ou comercial con Washington e, portanto, con disposición a ceder o seu espazo aéreo á aeronave que transportase ao filtrador da CIA).

Así as cousas, a batalla de Snowden agora é a de cambiar de decorado e convencer a Putin de que lle outorgue a condición de asilado político con carácter temporal (que logo podería eventualmente renovar). Lembremos que unha primeira oferta do Goberno ruso, condicionada a que Snowden deixase de filtrar información confidencial sobre os EUA, foi rexeitada polo analista informático. O tempo e a dura realidade -a de que non ten alternativa- fixeron o seu traballo e agora Snowden si aceptaría a oferta de Putin neses termos.

"Está planeando arranxar a súa vida aquí", dixo hoxe Kucherena sobre o seu defendido, "el planea conseguir un traballo aquí".

Snowden xa tería no seu poder o permiso para abandonar o aeroporto e unha licenza especial para ficar no país mentres as autoridades rusas resolven sobre a súa petición de asilo temporal.

Comentarios