Para a Avogacía do Estado a cobertura legal da repatriación de menores non acompañados de Ceuta foi "axeitada e suficiente”

A Avogacía do Estado xustifica as deportacións na situación de Ceuta, e responsabiliza a Cidade Autónoma da legalidade das repatriacións forzosas.

Migrantes intentando cruzar onte a Ceuta. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Migrantes intentando cruzar onte a Ceuta. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

A “situación excepcional” na que se atopa a Cidade Autónoma de Ceuta desde maio -cando entraron milleiros de persoas, entre elas 1.500 menores, tras abandonar a Policía marroquí a vixilancia da fronteira-, é o motivo principal que esgrime a Avogacía do Estado para oporse á suspensión provisional das deportacións masivas de menores non acompañados procedentes de Marrocos.

No escrito, feito público no serán da sexta feira, omítese calquera responsabilidade do Executivo estatal, e sostense no Xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Ceuta a “máis que constatada situación de excepcionalidade, anormalidade e de emerxencia humanitaria” da cidade, estimando o número de menores vítimas desta situación en cando menos 1.100 persoas. 758 en centros temporais locais, e outros 400 ou 500 deambulando polo territorio, “expostos a todo tipo de riscos sociais, sanitarios, morais e físicos, incluso pondo en risco a súa vida”, detalla a Avogacía.

Tamén indica que a maxistratura do xulgado ceutí non fixo “unha ponderación do interese xeral”, cando ditou que se frearan as repatriacións masivas, ignorando “a perturbación grave dos intereses xerais”.

Responsabiliza Ceuta e apoia que continúen as deportacións

Nas alegacións da Avogacía do Estado, reitérase que as competencias en materia de asistencia social están transferida a Ceuta, polo que a Goberno presidido por Juan Jesús Vivas (Partido Popular) é “a parte principal do procedemento de aplicación do Acordo Internacional de 2007 alcanzado co Reino de Marrocos, en vigor desde 2021”, mantén.

Neste sentido, Ceuta sería responsábel de cumprir as normativas vixentes e garantir “unha análise individualizada da situación dos menores a través dos seus medios ou en colaboración coa fundación SAMU”, inciden.

Hai catro días, o Executivo ceutí recoñeceu que aos menores que foron devoltos despois do inicio das deportacións non se lles fixeron informes individuais como exixe a lei.

Porén, para a Avogacía do Estado, estas repatriacións de menores non acompañados procedentes de Marrocos contaban cunha cobertura xurídica “axeitada e suficiente”, polo que ten que continuar a deportación.

Mohamed VI celebra a “nova etapa inédita” das relacións co Estado español

Ese mesmo día, o rei de Marrocos, Mohamed VI, confiou nun discurso na “nova etapa inédita” que acaba de abrirse co Estado, froito dunhas negociacións que seguiu “persoalmente de maneira directa”.

Comentarios