Máis de 4.000 mortes desde 2003

Avións non tripulados dos EUA deixan novas mortes en Somalia

Un avión non tripulado dos Estados Unidos vén de asasinar, cando menos, 30 persoas no sur de Somalia, a 400 km da capital, Mogadiscio. Un estudo revelou que drons estadounidenses matarían 4.000 persoas desde 2003.

[Imaxe: US Air Force] Modelo de dron, MQ-9 Reaper
photo_camera [Imaxe: US Air Force] Modelo de dron, MQ-9 Reaper

Un novo ataque de dron (avión teledirixido non tripulado) dos EUA deixou a pasada quinta feira cando menos 30 persoas asasinadas logo de disparar dous mísiles contra varios coches nun lugar próximo á cidade de Bardere, ao sur de Somalia, segundo informa PressTV.

Este ataque en Bardere, a 400 km da capital, Mogadiscio, vén engrosar as listaxes de persoas asinadas por drons estadounidenses. Un estudo de The Bureau of Investigative Journalism publicado o ano pasado revela que avións non tripulados dos EUA causarían a morte de cando menos 4.000 persoas no Paquistán, Iemen e Somalia desde 2003.

A Casa Blanca xustifica os ataques advertindo de que son planificados e de que rara vez provocan mortes civís. Porén, The Bureau of Investigative Journalism estima que falecerían asasinados ao redor de mil civís, entre os que se atoparían 225 crianzas.

Logo dos EUA, que comezou a empregar drons durante a presidencia de George W. Bush e que continúa a empregalos baixo o mandato de Barack Obama, o país que ocupa o segundo lugar na fabricación e posesión de drons é Israel, que os teñen empregado contra Siria e contra o Líbano e en Gaza.

As Nacións Unidas ten insistido en que os ataques con drons estadounidenses no Paquistán son ilegais e que representan unha ameaza para os dereitos humanos dadas as mortas masivas. Ademais, en 2013, o Parlamento de Iemen aprobou lexislación que prohibe os ataques con drons, logo dun masacre de civís perpetrado polos EUA cun avión sen tripulación.
 

Comentarios