Un avión con 72 persoas a bordo estrélase no Nepal

Polo menos 29 persoas morreron no sinistro deste domingo, 15 de xaneiro. As autoridades locais advirten que semella difícil que haxa sobreviventes.
O avión estrelouse en Pokhara, Nepal (Foto: Europa Press).
photo_camera O avión estrelouse en Pokhara, Nepal (Foto: Europa Press).

Polo menos 29 persoas morreron no sinistro deste domingo, 15 de xaneiro, do avión da compañía Yeti Airlines na cidade de Pokhara, no centro do Nepal, que viaxaba con 72 persoas a bordo. Até a zona desprazouse un equipo de rescate nun helicóptero.

O avión saíra de Katmandú cara a Pokhara ás 10.33 (hora local) e, por causas que aínda se atopan baixo investigación, estrelouse ao aterrar no aeroporto internacional de Pokhara, no val do río Seti.

Segundo un portavoz da empresa, 68 pasaxeiros e 4 tripulantes atopábanse no avión no momento do sinistro. De acordo coas autoridades locais, a posibilidade de que haxa persoas sobreviventes é moi pequena.

En canto ás persoas pasaxeiras, 53 delas son nepalesas, cinco indias, catro rusas, dous surcoreanas, unha irlandesa, unha arxentina, unha australiana e unha francesa, informa Reuters con referencia a autoridades do aeroporto.

Trátase dun avión ATR 72 que voaba de Katmandú a Pokhara. O avión estrelouse nunha zona entre o antigo aeroporto e o Aeroporto Internacional de Pokhara, precisou o portavoz, Sudarshan Bartaula.

En redes sociais difundíronse imaxes desde o lugar do accidente nas que se pode observar unha fumareda negra e chamas. Ademais, circula unha gravación do que parecen ser os segundos previos ao sinistro.

No material audiovisual obsérvase á aeronave voando a moi baixa altura, perto dunha zona rural. De súpeto, xira bruscamente e precipítase. O vídeo non rexistrou o impacto, pero escoitase un estalido.

O ATR 72, coproducido por Francia e Italia, é un avión de dous motores turbohélice que se utiliza en rutas rexionais e traxectos de curta duración. O portal FlightRadar24 indica que o avión tiña 15 anos.

Comentarios