Avecíñanse mudanzas no seo do Goberno do Estado

Cando nos achegamos ao ecuador da lexislatura no Estado, a vicepresidenta Teresa Ribero abre a porta á posibilidade dunha mudanza na composición do Executivo estatal, co obxectivo de encarar a recuperación da pandemia en liña coa política imposta pola UE e os actores internacionais.
A vicepresidenta Teresa Ribero e Francina Armengol, presidenta das Illes Balears, a cuarta feira. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta Teresa Ribero e Francina Armengol, presidenta das Illes Balears, a cuarta feira. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

“O presidente [do Estado] está traballando en como encarar a nova etapa na que estamos e correspóndelle a el avaliar como, cando e con que equipo quere seguir xestionando esta nova etapa”, afirmou na noite da quinta feira nunha entrevista Teresa Ribera, vicepresidenta cuarta do Goberno do Estado e ministra de Transición Ecolóxica, abrindo a posibilidade dun cambio no seo do Executivo.

Ademais, a ministra, nada en Madrid, remarcou que nesta cuestión estaba “contestando á galega” pola prudencia, defendía, que hai que ter neste debate.

A pesar de que a vicepresidenta e as titulares de varios ministerios tentaron matizar as súas palabras, as declaracións confirman o que até o de agora era un ruxerruxe nos últimos días despois das filtracións de fontes do Estado a diversos medios estatais.

O comunicado da Moncloa, aínda desmentindo que esas mudanzas estean planificadas, aclarou que Pedro Sánchez “ten en exclusiva a prerrogativa e a iniciativa para formar ou modificar o seu gabinete”, e salientou que de producirse será comunicado “polo propio presidente no tempo e forma que determine”.

Nos último meses varios ministros foron cuestionados no interior do PSOE, a forma principal da coalición de Goberno con Unidas Podemos, Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, estaría nunha das situacións máis complicadas, a negativa do PP de negociar a renovación do Poder Xudicial e a campaña da dereita e parte do PSOE contra os indultos, que o ministerio que dirixe terá que tramitar, poñen en cuestión a súa permanencia no gabinete.

Tamén a ministra de Exteriores, Arancha González Laya, foi cuestionada incluso desde o propio Goberno do Estado pola súa xestión da crise migratoria de Ceuta, chocando en distintas ocasións con Fernando Grande-Marlaska, ministro de Interior.

Outro dos nomes que están nas quinielas é o de Alberto Garzón, que de adiantarse as eleccións en Andalucía sería o candidato de Unidas Podemos, tendo que ser substituído no gabinete.

Comentarios