Israel ataca unha base aérea perto de Damasco

Avanzo decisivo do Exército sirio e os seus aliados para tomar o control total de Aleppo

As tropas sirias están a piques de gañar a batalla de Aleppo, unha vitoria que, segundo analistas militares, podería outorgar a vitoria na guerra ao goberno de Al Assad. O Exército regular e os seus aliados -a milicia iraniana Hezbollah e Rusia- ocuparon o centro histórico da cidade e controlan as tres cuartas partes da súa zona oriental, até agora en mans das forzas opositoras.

Casco vello Aleppo
photo_camera Casco vello Aleppo

Se finalmente o Exército sirio recuperar o control sobre toda a cidade, a guerra podería estar a piques de entrar no seu epílogo. Nas últimas semanas, foron moi intensos os bombardeamentos da aviación rusa sobre a zona oriental de Aleppo e o contributo da milicia iraniana Hezbolá -ten alí destacados 5 mil combatentes- ten sido decisivo no desenvolvimento das hostilidades.

A ofensiva lanzada hai catro semanas polo Exército está a piques de conseguir todos os seus obxectivos. Os chamados rebeldes batéronse en retirada do casco vello da cidade, por non estaren en condicións de resistir o asedio. Neste momento, as tropas regulares sirias e os seus aliados controlarían as tres cuartas partes de Aleppo.

A canle televisiva de Hezbollah, Al Manar, informou de que as tropas sirias permitiron a formación dun corredor humanitario para a evacuación de milicianos rebeldes -entre eles yihadistas- aos que se insta a abandonar o casco vello, visando interromper os bombardeamentos e a destrución do patrimonio histórico-artístico desta cidadela medieval.

Rusia anunciou que quen non se sumase á evacuación sería tratado como terrorista.

Os rebeldes demandan un cesar o fogo de no mínimo cinco días e a evacuación imediata de 500 persoas que precisan de atención médica, sob supervisión de Nacións Unidas.

Mentres tanto, a canle libanesa Al Mayadeen revelou que Israel tería lanzado un ataque á base área de Mezze, perto do centro de Damasco, coa pretensión de castigar posicións controladas por Hezbollah.

Comentarios