Avanza o Partido Pirata en Islandia, mais gobernará o centro-dereita

Os comicios que tiveron lugar este sábado en Islandia revalidan a coligazón de centro-dereita que goberna o país desde hai máis de cinco anos. O Movemento da Esquerda Verde acada a segunda posición, mentres que o Partido Pirata se sitúa de terceiro e consegue o duplo do apoio que nas eleccións de 2013.

[Imaxe: RTVE] O líder do Partido da Independencia, Bjarni Benediktsson, no momento de votar
photo_camera [Imaxe: RTVE] O líder do Partido da Independencia, Bjarni Benediktsson, no momento de votar

As eleccións lexislativas deste sábado en Islandia revalidan a coligazón de centro-dereita que xa gobernaba o país. O conservador Partido da Independencia fíxose co 30,3% das papeletas, mais dependerá de apoios para seguir no poder.

Reforma, escisión do partido vencedor, resulta indispensábel para compensar o afundimento do Partido Progresista, que acadou a cuarta posición co 10,1% dos votos. Caeu 14 puntos porcentuais e 12 dos seus 19 escanos. Acusa, así, a vinculación do ex primeiro ministro, Sigmundur David Gunnlaugsson, cos papeis de Panamá.

A segunda forza máis votada, co 16,2% dos apoios, é o Movemento da Esquerda Verde, seguido do Partido Pirata, que obtivo o 13,5% das papeletas, máis do duplo que nos comicios de 2013. A suma dos votos de ambas as dúas formacións, e mais de Alianza Socialdemócrata e Futuro Brillante sería insuficiente para lle facer fronte ao centro-dereita.

Comentarios