As autonomías encetan un ano en que o reparto dos fondos da UE será chave

As Presidencias autonómicas fan balance e marcan os retos de 2021
Iñigo Urkullu enumerou os retos para 2021 nunha mensaxe pronunciada desde Ajuria Enea (Vitoria), residencia oficial do lehendakari. (Foto: Mikel Arrazola / Europa Press)
photo_camera Iñigo Urkullu enumerou os retos para 2021 nunha mensaxe pronunciada desde Ajuria Enea (Vitoria), residencia oficial do lehendakari. (Foto: Mikel Arrazola / Europa Press)

Presidentas e presidentes autonómicos recorreron á xa tradicional mensaxe coa que se dirixen a través da televisión á cidadanía para dar a benvida ao novo ano, marcar axenda e retos para 2021 e facer balance de Goberno durante os últimos 12 meses. 

A totalidade das intervencións comezaron cun recordatorio ás vítimas da pandemia e no caso do lehendakari vasco Iñigo Urkullu, tamén aos dous traballadores falecidos no accidente do vertedoiro de Zaldibar, que conmocionou Euskadi hai xa 9 meses e onde un dos corpos segue sepultado. Para 2021, explicou Urkullu, "as prioridades están claras: reforzar o sistema de saúde, garantir a educación, atender as persoas máis necesitadas, reactivar a economía, apoiar os sectores máis afectados e recuperar o emprego". 

Tamén de recuperación falou a lehendakari navarra María Chivite, sinalando que o primeiro paso foi aprobar os orzamentos da comunidade foral neste Nadal, "froito da responsabilidade e da altura de miras de todos os partidos que entenderon que estamos nunha situación extraordinaria", dixo en referencia ao pacto que a súa formación, o Partido Socialista, alcanzou con EH Bildu. Nese sentido, Chivite engadiu que "a cidadanía navarra valora os acordos e non entende que, podendo avanzar, se opte pola polarización", en alusión a Navarra Suma (coalición de UPN, PP e Cs), que carga con dureza polo acordo con Bildu. 

En Catalunya, as formacións JxCat e ERC acordaran que, por respecto á figura da Presidencia, ninguén emitiría a mensaxe oficial televisada, logo de Quim Torra ser inhabilitado. Porén, o certo é que houbo dous discursos, un do propio Torra e outro do líder de ERC, Pere Aragonès, en calidade de vicepresident do Govern. O primeiro transmitiu a súa decepción coa lexislatura que agora acaba -Catalunya vai a eleccións o 14 de febreiro- e definiuna como unha etapa de "represión", só superada pola do franquismo. Torra manifestou desde unha farmacia de Girona que as e os cataláns teñen que tomar unha decisión: "ou reino de España ou república catalá, ou represión e corrupción ou liberdade e xustiza", indicou. O ex mandatario repasou os xuízos, apresamentos e sancións contra políticos independentistas por defender a liberdade de expresión e "mentres iso sucedía en Catalunya", dixo, "en España axudaron a escapar un rei perseguido por unha inmensa mancha de corrupción", sentenciou en alusión ao Goberno do PSOE e Podemos, e a Juan Carlos I.

O vicepresident Aragonès preferiu centrarse na cuestión social, e puxo en valor os orzamentos da Generalitat, "que elevaron o investimento en 3.000 millóns de euros respecto aos anteriores, incluíndo unha renda de garantía cidadá, rebaixa de 30% das taxas universitarias e a ampliación das contratacións públicas". Para Aragonès "2021 será o ano da reconstrución económica e social" e dun país "que queremos libre, socialmente xusto e con mirada feminista", e asegurou que gañarán a crise "coa ciencia, o sistema sanitario público e as e os traballadores públicos". 

Outro dos discursos televisados foi o do presidente andaluz Juanma Moreno, que rexeitou "a confrontación" e cualificou de "erro" abrir en pandemia "debates que dividen os españois", para asegurar que a solución a estes tempos virá da "unidade". 

Ayuso alerta dun suposto "sectarismo" contra Madrid

“Denuncio o sectarismo que en moitas ocasións houbo contra a Comunidade de Madrid”, dixo a presidenta rexional Isabel Díaz Ayuso na súa mensaxe de fin de ano, engadindo que a repartición anunciada polo Estado dos fondos europeos de recuperación React-EU "está pensada contra os madrileños porque nunca se viu unha arbitrariedade así”. Madrid leva 1.284 millóns, 12,8% de todo o fondo. Xunto a Andalucía e Catalunya suman case a metade do total.

PSC e PP lánzanse á caza do voto laranxa

"Gañamos as eleccións en Catalunya", repite a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, desde que nos comicios de 2017 conseguiran ser primeira forza parlamentar con 36 escanos e 25% do voto, aínda que non tentasen nin formar Goberno debido á maioría absoluta que sumaban as tres forzas independentistas (Junts, ERC e CUP). 

Pero logo da repetición das eleccións estatais de 2019, en que Cs pasou en apenas tres meses de 57 a 10 escanos no Congreso, a posíbel perda de peso nos comicios cataláns é evidente e supón un banquete de votos principalmente para o PSC e PP, aínda que tamén para Vox.

Neste contexto, o Partido Socialista pasou de ollar as eleccións como un trámite a "ir por todas" ao mudar esta semana o candidato Miquel Iceta polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, peza forte do Goberno estatal e ben valorado como político nas enquisas. 

E a pugna non só é polo voto, senón tamén polas referencias. Non foi un caso illado a fichaxe polo PP esta semana de Lorena Roldán (portavoz até a pasada cuarta feira de Cs no Parlament e gañadora das primarias para encabezar a candidatura, pese a que despois a dirección do partido puxo Carlos Carrizosa de candidato), pois o PSC tamén fichou como número dous por Tarragona o até esta semana portavoz do grupo municipal da formación laranxa nesa cidade, Rubén Viñuales.

E mentres o PSC busca en Cs, Esquerra quitoulle Carles Castillo, deputado socialista até setembro, e que será agora número 4 da formación republicana ao Parlament tamén por Tarragona. Ademais, transcendeu outra importante baixa en Cs, a do seu portavoz no Concello de Vila-seca, tras negarse a votar en contra dos orzamentos.

Comentarios