Australia declara os coalas especie en perigo de extinción

Australia perdeu 22.000 coalas entre 2018 e 2021.
Imaxe de arquivo dun coala (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo dun coala (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Australia decidiu incluír na sexta feira os coalas como especie en perigo de extinción. Entre os motivos que levaron á Administración australiana a adoptar esta medida están a seca prolongada que vive o país, os incendios e a tala de árbores.

A ministra de Medio Ambiente de Australia, Sussan Ley, explicou nun comunicado que "a nova inclusión na lista pon de manifesto os retos que enfronta esta especie".

En concreto, os coalas que entrarán dentro desta catalogación serán os que habitan nos estados de Nova Gales do Sur e Queensland, e o territorio da capital australiana, Sidney.

"Xuntos podemos garantir un futuro saudábel para o coala e esta decisión xogará un papel clave nese proceso", engadiu Ley.

Consecuencias da inclusión 

A inclusión do coala como especie en perigo de extinción significa que tanto os animais como os seus habitatsdeberán recibir unha maior protección, tal e como o recolle a lexislación medioambiental estatal de Australia.

Nos últimos tres anos, a Fundación Australia do Coala denuncia que a especie reduciu 30% dos seus integrantes. Dos 80.000 coalas vivos que quedaban en 2018 en Australia, en 2021 só pervivían 58.000 coalas.

Na desaparición dos coalas están a xogar un papel moi importante as vagas de incendios, moitas delas provocadas, que feriron ou mataron en 2020 a 60.000 coalas en todo o mundo.

A espera de ver que medidas específicas adopta o Goberno de Australia, os colectivos ecoloxistas do país celebraron a decisión, e piden que se comece canto antes a protexer realmente esta especie.

comentarios