Aumentan un 42% os ataques violentos da extrema-dereita en Alemaña durante 2015

As persoas demandantes de asilo son as principais vítimas. En 2015 cometéronse catro ataques cada día.

extrema dereita alemaña
photo_camera Manifestación de extrema-dereita en Alemaña.

Os ataques e agresións cometidas pola extrema-dereita en Alemaña experimentan un preocupante ascenso, aumentando un 42% nun ano, según o servizo de intelixencia xermano. Os demandantes de asilo son as principais vítimas dos ataques. En 2015 rexistráronse 1.408 agresións e atques violentos, catrocentos máis que en 2014 (cando foron 990). Houbo 75 ataques incendiarios contra centros de refuxiados, máis dun por semana.

O informe da BFV, Oficina federal para protexer a constitución, cifra en 11.800 as persoas violentas de extrema-dereita, unha cifra que desde diferentes organizacións e entidades de axuda aos inmigrantes e refuxiados considérase superior. En 2015 chegaron a Alemaña máis dun millón de persoas migrantes, o que derivou nun incremento dos sentimentos contra o estranxeiro e da actividade violenta de organizacións de extrema-dereita.

A BFV tamén recolle no seu informe ataques que atribúe á 'extrema-esquerda', por volta de 1.500. Neste caso, os destinatarios principais son persoas, locais ou organizacións vinculadas á extrema-dereita ou á xenofobia e racismo. 

Comentarios