Aumenta a presión internacional para a repetición das eleccións en Bielorrusia

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, convocou unha cimeira extraordinaria por videoconferencia de líderes da UE. Mentres, Rusia ofrece apoio a Lukashenko, tamén militar.
Despliegue policial en Minsk

Despliegue policial en Minsk


11/8/2020
photo_camera Despregue policial na cidade de Minsk, capital de Bielorrusia (Celestino Arce Lavin / Zuma Press)

O presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, recalcou na segunda feira, 17 de agosto, que non cederá ás presións para que renuncie ao cargo e desbotou a posibilidade de repetir as eleccións presidenciais, despois de que as do pasado 9 de agosto, onde obtivo un sexto mandato, fosen rexeitadas pola oposición.

"Non lograrán xamais que eu faga algo porque me presionan", sostivo durante unha visita á Planta de Tractocamiones de Minsk (MZKT, polas siglas en bielorruso), informou a axencia estatal de noticias BelTa.

As eleccións "non se desenvolverán", recalcou, advertindo de que, de se levaren a cabo non só deixaría de existir esa fábrica senón que "en medio ano destruiriamos todo", recolle a axencia rusa de noticias Sputnik.

Lukashenko alzouse con 80% dos votos, segundo o resultado oficial, mentres que a líder opositora Svetlana Tijanovskaya obtivo 10%. Porén, a oposición sostén que en realidade Tijanovskaya gañaría con entre 70% e 80% dos sufraxios totais. 

"Non pode haber máis de 80% de falsificacións", defendeu na segunda feira ao respecto Lukashenko. "Quérennos destruír con isto, queren debilitarnos", dixo, e aproveitou para criticar a OTAN.

Xuntanza do Consello Europeo

Neste sentido, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, convocou para mañá unha cimeira extraordinaria por videoconferencia de líderes da UE para abordar os últimos acontecementos en Bielorrusia.

"O pobo de Bielorrusia ten o dereito a decidir o seu futuro e elixir libremente os seus líderes. A violencia contra os manifestantes é inaceptábel e non será permitida", sinalou o presidente do Consello a través do seu Twitter.

Fontes europeas afirman que Michel estivo seguindo de perto a crise xurdida en Bielorrusia tras os comicios do 9 de agosto, unhas eleccións que a UE considera "fraudulentas".

Tamén de "fraudulentas" as cualificou o Reino Unido. Fixo o ministro de Exteriores británico, Dominic Raab, a través dun nun comunicado publicado na segunda feira."O mundo observou con horror a violencia utilizada para reprimir as protestas pacíficas por parte das autoridades", dixo Raab, en alusión á resposta policial que se saldou con miles de detidos.

Apoio de Rusia

Pola súa banda, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, confirmou o apoio ao seu homólogo bielorruso, incluída a oferta de axuda militar que se recolle na Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, un pacto político-militar que agrupa varias antigas repúblicas soviéticas.

Ademais, criticou a "presión que desde o exterior se exerce sobre a república" bielorrusa.

Comentarios