Aulas con máscara e distancia interpersoal no curso 21-22

Co curso lectivo a un mes e medio de rematar, o Executivo español fai unha proposta ás autonomías para manter as principais restricións vixentes ao longo do vindeiro ano escolar, entre elas manter a máscara, ventilación nas aulas, quendas para entrar e saír e o contacto telemático das familias co equipo docente.
Un colexio en Madrid no comezo do curso escolar 2020-2021. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Un colexio en Madrid no comezo do curso escolar 2020-2021. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

As persoas maiores de seis anos terán que levar máscara na escola e manter a distancia interpersoal durante o curso 2021-2022, segundo a proposta remitida polo Goberno do Estado aos territorios, que mantén as principais medidas de prevención contra a Covid-19 que xa están a ser aplicadas neste ano lectivo.

No documento, elaborado polos ministerios de Educación e Sanidade, modifícase a distancia a que poderán estar sentadas nenas e nenos na aula, dos 1,5 metros deste ano pásase a 1,2 metros entre pupitres, para que poidan entrar máis estudantes e así garantir o carácter presencial do ensino primario, ESO, Bacharelato, FP e Ensino Artístico e Deportivo.

A distancia interpersoal manterase excepto nos denominados grupos burbulla.

No documento incídese en que esta redución da distancia interpersoal está pensada para reducir a fenda detectada porque en certos niveis, como secundaria, o alumnado asiste ao seu centro en xornadas alternas, cun “impacto na equidade en saúde, nos resultados académicos e en reducir o importante impacto da pandemia no benestar emocional e a saúde mental da poboación adolescente", sinala a proposta.

Ventilación

Unha das premisas fundamentais que se estenderá no vindeiro curso é a necesidade de ventilación. Aulas, comedor e calquera espazo fechado terán que ventilarse, se é posíbel, de maneira permanente, sumado o contacto mínimo entre distintos grupos.

No que atinxe ás quendas de horario para entradas e saídas, manteranse ao longo do ano, así como a relación coas familias por medio de vías telemáticas.

Profesorado

A proposta do Executivo estatal solicita ás autonomías que manteñan as 35.000 profesionais contratadas como docentes de reforzo durante a pandemia, cando menos nos primeiros meses do curso 2021-2022, despois de coñecerse que varios territorios xa tiñan previsto non contar co persoal de reforzo en canto rematase a crise sanitaria.

Comentarios