A Audiencia Nacional reabre a peza 'Carol' do 'caso Villarejo' e imputa Corinna Larsen

O xuíz volve investigar as gravacións onde Corinna Larsen indica ao ex comisario José Manuel Villarejo que o rei a utiliza de testaferro.
Corinna Larsen, a través do seu letrado, asegurou onte que xamais contratou o comisario Villarejo (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Corinna Larsen, a través do seu letrado, asegurou onte que xamais contratou o comisario Villarejo (Imaxe: Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón reabriu esta segunda feita, 27 de xullo, a peza 5 da macrocausa 'Tándem' para investigar se a empresaria alemá Corinna Larsen contratou o comisario José Manuel Villarejo. O xuíz imputa tamén quen fora socio de Villarejo no Grupo Cenyt, Rafael Redondo, e o ex presidente de Telefónica, Juan Vilalonga, íntimo amigo do ex mandatario español José María Aznar e designado por este para dirixir a empresa unha vez o Executivo español  a privatizou na última metade da década dos 90. Villarejo e Redondo están citados o 7 de setembro, mentres que Larsen e Villalonga acudirán o día seguinte á mesma hora.

Esta peza que agora se reabre na Audiencia Nacional versaba sobre supostos encargos que Larsen tería realizado a Villarejo, actualmente xubilado e en prisión, e que serían revelados polas conversas que mantivo o ex comisario coa empresaria alemá e que el mesmo gravaba. Nun deses audios, dunha reunión en Londres en 2015 na que tamén estaba Villalonga, Larsen relata os negocios opacos do rei emérito Juan Carlos I de Borbón, afirmando que foi utilizada como testaferro. Porén, ao ex monarca estar aforado no Supremo, a Audiencia Nacional non o pode investigar. 

O instrutor do caso detalla unha das conversas mantidas entre Villarejo e Larsen, atopada nun arquivo localizado en casa do comisario, e na que ela expón as súas preocupacións a respecto dunha asistente persoal española súa que puidese estar a filtrar información sobre a súa vida privada. Ambos os dous falan nas gravacións "dun tal Juan", que para o maxistrado é Juan Villalonga, "como a persoa que puxo en contacto" Larsen e o ex comisario "e quen dixo a Villarejo que tiña que auxdar Corinna a morte'".

'Carol', o título desta peza xudicial, é tamén o nome que Villarejo empregaba para referirse a Larsen. A peza foi arquivada provisionalmente en setembro de 2018 polo anterior instrutor da macrocausa, Diego de Egea, ao non ver indicios para continuar investigando nin o ex comisario nin ao seu socio, e aseguraba que non había "datos" nin "documentacións" que probasen as afirmacións que fixo a empresaria alemá sobre o Borbón.

No auto desta segunda feira, García Castellón explica que despois do sobresemento provisional, o xulgado recibiu diversos oficios policiais en que se analizou o material intervido nos domicilios dos investigados e a solicitude de cooperación xudicial remitida pola Fiscalía suíza en relación con estes feitos, polo que ao Ministerio Público daquel país interesaba a colaboración da Audiencia Nacional española pola conexión entre ambas as investigacións. 

Comentarios