Xustiza

A Audiencia Nacional invalida todo o investigado en 'Tsunami Democràtic' despois de xullo de 2021

Esta decisión deixa o ex president catalán Carles Puigdemont a un paso de esquivar a causa que lle imputara o xuíz García-Castellón por "terrorismo".
O ex president catalán Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex president catalán Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)

A Sala do Penal da Audiencia Nacional vén de estimar o recurso da investigada na causa de Tsunami Democràtic Marta Molina e declara así a invalidez de todas as dilixencias que o xuíz instrutor Manuel García-Castellón acordou con posterioridade ao 29 de xullo de 2021, data na que ditou un auto de prórroga de seis meses da investigación.

A decisión afecta tamén á exposición razoada elevada polo instrutor da Audiencia Nacional ao Tribunal Supremo en novembro de 2023 para que abrise causa penal por terrorismo contra o ex president catalán Carles Puigdemont e a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira. O Supremo era quen debía abrir a causa penal por terrorismo contra Puigdemont, dado que estaba aforado ante o devandito órgano xudicial pola súa condición de eurodeputado.

Concentración para apoiar os encausados por 'Tsunami Democràtic', con presenza de dirixentes de ERC, Junts, CUP e Sumar, fronte á Cidade da Xustiza de Barcelona, o pasado 22 de maio. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)
Concentración para apoiar os encausados por 'Tsunami Democràtic', con presenza de dirixentes de ERC, Junts, CUP e Sumar, fronte á Cidade da Xustiza de Barcelona, o pasado 22 de maio. (Foto: Alberto Paredes / Europa Press)

Nun auto coñecido esta segunda feira, o tribunal dá a razón á recorrente ao considerar que a prórroga foi extemporánea e ordena ao maxistrado que dite a resolución estabelecida no artigo 779 da Lei de axuizamento criminal, segundo o cal o instrutor debe decidir se continúa coa causa ou dita o sobresemento e, para iso, terá que basearse só nas dilixencias acordadas antes do 29 de xullo de 2021.

A Sala dá a razón á recorrente cando sinala que a prórroga que dispón o auto do 30 de xullo de 2021 do xuíz instrutor é "extemporánea". O xulgado consideraba que o prazo de instrución non chegou a expirar polo auto do 30 de xullo de 2021 no que acordou a prórroga e que lle deu continuidade "sen que se producise interrupción ningunha".

Contradicións de García-Castellón

Con todo, para a Sala do Penal este razoamento do instrutor resulta contraditorio. "Non cabe soster sen detrimento de a congruencia, que un prazo finaliza o 29 de xullo de 2021 e tamén que non finalizou o día 30 seguinte. Aínda que ambos os feitos, a expiración e a súa prórroga, sexan próximos —están separados por menos de 24 horas— é manifesto que o primeiro se produciu cando se acordou o segundo", di.

Por todo iso, o tribunal conclúe que a proximidade temporal de expiración de prazo e prórroga non indica continuidade na instrución, senón precisamente o contrario: a solución desa continuidade.

Na súa resolución, a Sección Terceira da Sala do Penal, con relatorio do maxistrado Carlos Fraile Coloma, cítase o artigo 324 da Lei de axuizamento criminal para subliñar que estabelece que, "con anterioridade á finalización do prazo, o xuíz, de oficio ou a instancia de parte, oídas as partes, poderá acordar prórrogas sucesivas por períodos iguais ou inferiores a seis meses". Pero, engade, García-Castellón acordou a prórroga "despois de finalizar o prazo e non antes".

As dilixencias invalidadas

A Sala asevera que, segundo a xurisprudencia do Supremo, a invalidez das dilixencias posteriores ao 29 de xullo de 2021 en 'Tsunami' implica que o xuíz instrutor "non poderá fundar a decisión de continuar o procedemento" contra investigados baseándose en dilixencias posteriores. Con todo, advirte que o solicitado fóra de prazo si que se podería achegar para que se tivese en conta nun xuízo oral porque a xurisprudencia advirte que non supón, "polo mero feito de contravir o disposto nas leis procesuais sobre o tempo da súa práctica, unha vulneración de dereitos fundamentais".

Entre as dilixencias acordadas despois do 29 de xullo de 2021 consta o informe da Garda Civil que sitúa Rovira no centro da investigación ao considerar que era "con moita probabilidade" a usuaria da aplicación de mensaxería cifrada Threema, que actuaba baixo o pseudónimo de 'Matagalls' e que tiña "un coñecemento previo de, polo menos, certas accións" de 'Tsunami Democràtic'. O corpo policial achegou o seu informe á causa en novembro de 2023.

Días despois, o xuíz elevou unha exposición razoada ao Tribunal Supremo na que sostiña que había indicios suficientes para que o alto tribunal investigase Puigdemont, Rovira e outras dez persoas. Nun escrito de 101 páxinas, García-Castellón defendeu que para "o esclarecemento dos feitos" era necesario practicar dilixencias de investigación que el non podía realizar na Audiencia Nacional pola condición de aforados de Puigdemont e do deputado de ERC no Parlament Rubén Wagensberg. O xuíz aseguraba que Puigdemont se situaría no "vértice máis alto da organización" de 'Tsunami Democràtic' e engadía que a súa posición como ex president de Catalunya e "líder desde Bruxelas do independentismo" atribuíalle "unha posición de autoridade incuestionábel".

Segundo o maxistrado, existían indicios que permitían inferir a participación de Puigdemont no nacemento e planificación das accións de 'Tsunami'. Entre eses indicios, dicía, atopábanse as mensaxes a través do móbil entre o seu xefe de gabinete, Josep Lluís Alay, e o xornalista Jesús Rodríguez, as anotacións da axenda do primeiro ou o impulso de Puigdemont a través de Twitter do lanzamento da plataforma independentista.

O caso de Alay

No auto coñecido esta segunda feira, a Sala responde o recurso presentado polo xefe de gabinete de Puigdemont, Josep Lluis Alay, tamén investigado en 'Tsunami'. No seu caso rexeita a súa petición na que pedía o sobresemento como consecuencia da expiración do prazo de instrución. Os maxistrados consideran que Alay constaba neste causa como investigado antes do 29 de xullo de 2021, día en que concluíu a fase de instrución, malia non prestar declaración como tal.

A Sala indica que será agora o xulgado o que, con liberdade de criterio e axustándose ás dilixencias practicadas dentro do período de instrución que concluíu o 29 de xullo de 2021, resolva o que considere oportuno.

Comentarios