'Atronadora' política migratoria da UE

Grecia usará canóns sonoros, que emiten un ruído enxordecedor, para disuadir os inmigrantes que tentan cruzar desde Turquía á UE. Mentres, o Parlamento de Dinamarca acaba de aprobar que os solicitantes de asilo realicen o proceso nun terceiro país, por exemplo, Ruanda. É a 'atronadora' política migratoria da UE. 
EuropaPress_2689869_04_march_2020_greece_didymoteicho_migrants_from_togo_sit_on_road_in_front
photo_camera Migrantes de Togo sentan do lado turco da fronteira vixiados por unha militar grega, en marzo de 2020 (Foto: Socrates Baltagiannis / dpa)

Até 162 decibelios. Máis ruído que o emitido polos motores dun avión, que rolda os 120, segundo informaron os medios gregos. Esa é a potencia dos canóns sonoros instalados no posto fronteirizo do Evros, o río que separa Grecia de Turquía, un lugar que inmigrantes e refuxiados procedentes de países en guerra ou fuxindo da miseria elixen con frecuencia para tentar acceder á UE.

A adquisición dos canóns foi aprobada tras a crise migratoria de marzo de 2020, cando o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdoğan, ameazou con abrir as fronteiras advertindo que non podía acoller máis refuxiados do conflito en Siria. Ankara acordara con Bruxelas, tras a crise migratoria de 2016, frear o seu tránsito cara á UE a cambio dunha cantidade de diñeiro.

"Estes canóns están por estrear xa que de momento non houbo ningunha tentativa de incursión masiva ao territorio grego, tal e como sucedeu o ano pasado", afirmou unha fonte policial á canle de TV grega Skai

"É unha ferramenta á nosa disposición para previr unha potencial entrada ilegal masiva a Grecia por parte dun grupo de inmigrantes", engadiu.

Canóns, valos e muros

A colocación destes canóns chega poucas semanas despois de que na fronteira sur da UE, na cidade baixo soberanía española de Ceuta, en África, arredor de 10.000 persoas (entre estas, uns mil menores) accedesen de forma ilegal desde Marrocos, rexistrándose numerosas denuncias de devolucións en quente

Máis ao leste, a respecto da migración que parte de Libia principalmente cara a Italia, a semana pasada a Oficina da Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (Acnudh) criticou a "indiferenza letal" da UE e a falta de protección dos dereitos humanos dos inmigrantes que atravesan o Mediterráneo. 

"Non somos actores que causan esa situación e traxedia, somos actores que buscan unha solución e dedicamos a iso todos os nosos esforzos e enerxía", retrucou o portavoz do Servizo Europeo de Acción Exterior, Peter Stano.

Dentro deses "esforzos e enerxía" están os canóns sonoros de alta tecnoloxía comprados por Atenas. Long Range Acoustic Device ("Dispositivo acústico de longo alcance") é o nome con que os comercializa a compañía estadounidense Genasys. Canóns usados desde hai máis dunha década na dispersión de manifestacións nos EUA, mais tamén en Estados europeos como España.

O Goberno grego, que recibiu unha visita de apoio dos líderes da UE durante a crise de 2020, finalizou recentemente a construción dun muro con varios postos de observación e numeroso persoal militar ao longo do Evros.

A respecto dos canóns e do seu uso, o portavoz da Comisión Europea Adalbert Jahnz dixo estar "absolutamente a favor de controlar as fronteiras europeas, mais aínda máis a favor dos valores europeos. O obxectivo non é disuadir os inmigrantes, senón controlar mellor a migración". "Isto pode e debe facerse dunha maneira humana", engadiu.

De Dinamarca a Ruanda

O portavoz do Executivo comunitario tamén fixo referencia a outra controvertida decisión tomada por un Estado membro da UE nas últimas horas. Jahnz foi cuestionado pola aprobación no Parlamento de Dinamarca dunha lei que estabelece que o proceso de solicitude de asilo se faga nun terceiro país.

É dicir, a nova norma permitirá a Dinamarca trasladar refuxiados que cheguen a territorio danés en demanda de asilo a centros de acollida dun país con quen teñan un convenio asinado. Así, estas persoas estarán fóra de Dinamarca en tanto que dure o proceso. Tan fóra que entre as opcións que se barallan está a de Ruanda.

A radiotelevisión pública danesa, DR, informaba o pasado 28 de abril da viaxe a este país africano dos ministros de Inmigración e Desenvolvemento Internacional. Viaxe que non foi anunciada oficialmente e da que se tivo coñecemento a través das fotografías publicadas en Twitter polo ministro de Exteriores ruandés.

"Os dous ministros daneses rexeitaron facer declaracións á prensa danesa. Non podemos polo tanto ter confirmación de se as dúas partes negociaron ─ou acordaron─ que Ruanda acepte nun futuro solicitantes de asilo de Dinamarca", sinalaba na altura o correspondente en África de DR.

Jahnz afirmou que os procesos de asilo xestionados en terceiros países xeran dúbidas tanto sobre o proceso en si como sobre o acceso a unha protección efectiva. Asegurou ademais que non se adecúan coas propostas para o novo pacto de inmigración e asilo da UE que está por chegar e que provocan fondas divisións dentro dos Estados. Italia, por exemplo, demanda un mellor reparto entre todos os membros das persoas que chegan ao seu territorio.

A esquerda danesa

Dinamarca é un dos Estados cunha política máis hostil a respecto da inmigración. Ao pouco de se conformar o Goberno, tras as eleccións de 2019, anunciouse que ─logo de tres anos de hiato─ aceptaría acoller un "pequeno grupo de refuxiados" baixo a cota estabelecida por Nacións Unidas para persoas con "necesidades asistenciais especiais". É esta, e só esta, a cota que pretende respectar o actual Goberno. 

"Se solicitas asilo en Dinamarca, debes saber que serás devolto a un país de fóra de Europa, polo que agardamos que as persoas deixen de solicitar asilo en Dinamarca", declarou a DR na quinta feira Rasmus Stoklund, portavoz de Inmigración do partido de Goberno.

A propia primeira ministra, Mette Frederiksen, nunha entrevista ao xornal Kristeligt Dagblad ao pouco de asumir o cargo, avogou pola "clausura de todos os centros de inmigrantes" do país e o seu "traslado ao Norte de África". 

Mette Frederiksen é a líder do Partido Social Demócrata e goberna en minoría co apoio parlamentario do bloque da esquerda. 

Francia desmantela un campamento en Calais

A Policía gala desmantelou nesta sexta feira un campamento nunha nave situada ás aforas de Calais, o principal porto de conexión con Gran Bretaña. Arredor de 600 persoas residían desde había uns meses nesta nave. 

O operativo policial é un dos máis grandes do último ano e chega despois de que, segundo as autoridades, o levantamento das restricións sanitarias estea a atraer máis persoas que tentan chegar a Inglaterra polo Eurotúnel. 

O obxectivo era evitar unha segunda "jungle de Calais" como a que se deu na crise migratoria de 2015, dixo a alcaldesa da localidade. 

A Policía identificou entre os desaloxados 30 menores.

Comentarios