Portugal

No mínimo dúas persoas mortas nun ataque con coitelo en Lisboa

António Costa afirma que os primeiros indicios apuntan a un "feito illado" e que é "cedo" para tirar conclusións do ocorrido.
Centro Ismaili de Lisboa. (Foto: The Ismaili)
photo_camera Centro Ismaili de Lisboa. (Foto: The Ismaili)

Dúas mulleres morreron e outras dúas resultaron feridas de gravidade tras un ataque perpetrado por un home no Centro Ismaili da capital portuguesa, Lisboa. O edificio atópase concretamente na Avenida Lusíada e o atacante, que utilizou un coitelo, foi detido e trasladado ao hospital tras un cruzamento de disparos coa Policía, segundo informa o xornal Público.

O presidente do Goberno, António Costa, así como as autoridades policiais, fixo un chamamento á "calma" e afirmou que, con base nos primeiros indicios, todo apunta a un "feito illado". "É cedo", dixo, para tirar conclusións do sucedido.

Os ismailitas son unha corrente interna minoritaria dentro da vertente chií da relixión islámica, cuxos membros sufriron xa diversos ataques en países como Paquistán. O agresor actuaría en solitario e, segundo algúns medios locais, sería de nacionalidade afgá.

Mulleres portuguesas

Narzim Ahmad, líder da comunidade ismailí, revelou en directo á SIC Notícias que as vítimas mortais son dúas mulleres portuguesas.

"Nestes momentos todo é prematuro, sabemos que aquí houbo dúas mortes, dúas mulleres e sei que o sospeitoso é un refuxiado afgán que por calquera motivo entrou no centro", comezou dicindo Narzim Ahmad, e engadiu que son "dúas portuguesas". ", moi posibelmente "da comunidade".

En canto ao agresor, o líder da comunidade ismaelita descoñece se "asistiu ao centro".

Comentarios