Atentado de Estado Islámico en Cabul contra unha manifestación xiita deixa 80 mortos

A maior parte das vítimas do terrorismo islamista son musulmáns. Iso voltou a se pór manifesto este sábado en Cabul cun atentado do Estado Islámico contra unha manifestación xiita. O saldo, 80 mortos e máis de 240 persoas feridas.

Captura de pantalla (13)

Decorría en Cabul, a capital de Afganistán, unha manifestación xiita contra o percurso escollido para a construción dunha nova liña de abastecimento eléctrico cando se produciu contra ela un novo atentado do Estado Islámico, perpetrado por terroristas que detonaron cintos explosivos.

A acción foi realizada por tres milicianos do Daesh, un suicidouse ao detonar o cinto explosivo, outro non conseguiu realizar a acción e un terceiro acabou sendo abatido por disparos da policía afgá.

Portavoces talibáns condenaron o ataque: o Estado Islámico é agora o seu principal rival na loita polo control do territorio

Até o de agora, o Estado Islámico non atentara contra os xiitas en Afganistán. Que o fagan precisamente na capital pode indicar un salto cualitativo na expansión do Daesh nun territorio estratéxico e profundamente dividido entre os talibans -que controlan xa boa parte do país- , a populación xiita e o propio Estado Islámico, dono neste momento da provincia de Nangarhar.

Portavoces talibáns condenaron o ataque por considerar que divide a populación afgá. O seu principal inimigo para o control do país é neste momento o Daesh.
 

Comentarios