Alemaña negara o asilo ao autor da acción

Un ataque suicida causa feridas a 12 persoas en Baviera

Analistas xa comezan a falar de efeito contaxio. O certo é que están a inzar episodios de violencia contra civís perpetrados polos coñecidos como “lobos solitarios” que non teñen aparentemente vínculos coas grandes redes do terrorismo yihadista, a comezar polo Daesh. O último elo na cadea, un ataque suicida en Alemaña.

crime

O autor do último ataque suicida perpetrado na Europa occidental -e que este domingo causou 12 persoas feridas perto dun restaurante do centro da cidade alemá de Ansbach (Baviera)- sería, segundo todas as investigacións, un refuxiado sirio de 27 anos ao que as autoridades xermanas lle terían denegado o asilo.

Alemaña alega que o refuxiado contaba con autorización temporal para estar no país, ao que chegara hai dous anos, e que moraba nun apartamento propiedade dos servizos sociais.

É a segunda vez que tentaba o suicidio e xa estivera ingresado nun centro psiquiátrico. No momento do ataque, portaba unha mochila chea de explosivos que accionou para se causar a morte. O ministro de Interior de Baviera dixo non ten claro aínda se a súa intención era tamén causar danos a outras persoas.

Este é o terceiro ataque violento contra civís nunha semana en Baviera e o cuarto en Alemaña. O temor a un recruamento das tendencias xenófobas do sector máis ultra da direita alemá respírase no ambiente.

Comentarios