O ataque israelí a catro mozos palestinos, baixo a lupa da ONU

A Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos pediu unha investigación transparente sobre os catro sucesos acontecidos nas dúas últimas semanas.
EuropaPress_1522574_demolicion_escuela_cisjordania
photo_camera Demolición dunha escola en Cisxordania, nunha foto de arquivo (Foto: Europa Press)

A Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (OHCHR, nas siglas en inglés) pediu hoxe unha investigación transparente a respecto de varias actuacións das forzas israelís no territorio ocupado de Cisxordania, que deixaron feridos de gravidade varios mozos.

Os soldados dispararon munición real e balas metálicas cubertas de goma en varios incidentes acontecidos no territorio de Cisxordania nas dúas últimas semanas, segundo informou a axencia de noticias palestina WAFA.

As feridas producíronse en contextos onde o uso de forza potencialmente letal, aparentemente, non era necesaria dada a información do momento, e tendo en conta que os menores  non supuñan unha ameaza para as tropas israelís ou outras persoas.

Así o recolle a OHCHR no comunicado feito público esta terza feira. "Semella polo tanto que a forza usada non estivo en concordancia co dereito internacional", en referencia a un rapaz de 16 anos que recibiu un disparo no peito na cidade de Al Bireh o pasado 29 de novembro.

Outros tres incidentes

O 28 de novembro dispararon no peito doutro rapaz de 16 anos ─actualmente, na UCI─ cando ía cruzar a rúa, nun lugar en que os soldados estaban respondendo ao lanzamento de pedras. Un día antes, durante as protestas en Kafr Qaddum, tamén un mozo de 16 anos recibiu o impacto dunha bala de goma na cabeza, que lle provocou unha fractura.

E o 17 de novembro, un rapaz de 15 anos perdeu un ollo cando regresaba do colexio ao campo de refuxiados de Qalandia, onde houbera choques cos residentes. A OHCHR sinala que nada indicaba que o menor supuxera unha ameaza.

"De acordo co dereito internacional, o uso de forza letal só se permite como último recurso", lembra a axencia, que considera que o lanzamento de pedras non o xustifica.

Comentarios