domingo 09/05/21

Un ataque dun grupo armado en Burkina Faso remata co asasinato de dous xornalistas vascos

Os reporteiros David Beriain e Roberto Fraile estaban na zona para rodar un documental. As mensaxes de condolencia de distintas institucións seguen a chegar.

David Beriain, un dos xornalistas asasinados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
David Beriain, un dos xornalistas asasinados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Despois de que a ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, confirmara esta terza feira o falecemento de dous xornalistas vascos, cuxas iniciais son D.B.A. E R.F.F., nun asalto aos vehículos nos que viaxaban, algúns medios xa revelan que se trata do recoñecido director de documentais David Beriain -natural de Artaxoa, que nas súas orixes na profesión traballou para un medio galego- e Roberto Fraile, orixinario de Barakaldo.

As dúas vítimas mortais dun ataque dun grupo armado desapareceran na segunda feira en Burkina Faso e, finalmente, hoxe atopáronse os corpos na zona na que decorreu o asalto. Segundo se avanzou, estaban a realizar un documental sobre a caza ilegal.

Após o incidente tanto os dous profesionais vascos como un compañeiro irlandés e un membro das forzas de seguridade de Burkina estaban desaparecidos, mentres que outra parte da patrulla mixta da unidade contra a caza furtiva na provincia de Kompienga logrou escapar.

En concreto, Beriain (cara coñecida de canles televisivas como DMAX, cunha ampla traxectoria en conflitos de guerra e premiado polo seu documental sobre as FARC) e Fraile estaban traballando nunha reportaxe sobre o traballo das autoridades do país para protexer os paraxes naturais da caza. Polo de agora non está claro se o ataque debeuse á temática do documental ou foi fortuíto, dado que tanto no norte como no este hai un aumento da inseguridade desde hai anos.

Apúntase a que unha parte importante dos grupos yihadistas, entre eles unha rama de Al Qaeda, teñen presencia na zona.

A ministra concretou que os xornalistas eran parte nun grupo de 40 persoas que estaba nun parque natural entre Burkina Faso e Benín cando foi atacado. Tratábase dunha “zona perigosa por ser campo de operacións de terroristas, cazadores furtivos e bandidos” indicou a representante do Goberno do Estado español, sen apuntar a uns culpábeis concretos destes asasinatos.

Ao longo desta xornada non parar de chegar as condolencias desde distintas institucións e entidades.

comentarios