Un ataque afunde a popa do Arca de Gaza, o barco que tenta romper o bloqueo ao pobo palestino

Unha explosión acontecida esta madrugada provocou importantes danos e o afundimento da popa no Arca de Gaza, o barco que tenta romper o bloqueo israelí á faixa de Gaza. Pouco antes, o garda nocturno recibira unha chamada anunciando o ataque. 

gaza
photo_camera gaza

Pouco despois de que o guarda nocturno recibira a chamada que anunciaba un inminente ataque ao Arca de Gaza unha explosión ocasionou importantes danos e o afundimento da popa na nave que ten como obxectivo divulgar o bloqueo á faixa de Gaza. A chamada indicaba a conveniencia de abandonar o barco diante do ataque inminente. O vixiante atendeu á indicación e abandonou a nave mais, ao ver que non acontecía nada, regresou a bordo no momento da explosión. Sen danos físicos aparentes, foi trasladado a un centro hospitalario para comprobar o seu estado e descartar posíbeis danos. “O Arca escorouse parcialmente e agora a proa repousa nas augas baixas do mar no Porto de Gaza”, informan desde a páxina web do barco na que sinalan tamén que están a investigar o alcance e a natureza dos danos. 

Apoio internacional

“O Arca de Gaza e as campañas nacionais da Coalición da Flota da Liberdade están valorando a resposta a este covarde acto de terrorismo, mais a nosa posición mantense firme: nin este nin calquera outro ataque deterá os nosos esforzos para desafiar o bloqueo de Gaza até que remate”, sinalou David Heap, do Comité Directivo do proxecto que xa sufriu anteriores sabotaxes. O ataque acontece cando o barco estaba listo para zarpar. “Pódese afundir un barco, mais non se poderá afundir unha acción civil” declarou Ehab Lotayef, tamén membro do Comité Directivo. 

O Arca de Gaza está a tentar, nesta nova travesía, romper o bloqueo desde dentro e para iso partir da Faixa con produtos manufacturados en Palestina e entregalos a colectivos e persoas que están no exterior. BDS-Galiza, a CIG, a CNT, EsCULcA. a FRUGA e o STEG colaboran nesta nova proposta a través da realización dun pedido. 

A iniciativa activista do Arca de Gaza conta con apoio de importantes persoas como Noam Chomsky, Henning Mankell ou Alice Walker á que se sumaron colectivos e persoas galegas entre os que se atopan Ana Pontón Mondelo, Quico Cadaval, Najla Sami ou Suso Seixo.

Comentarios