Asturies pide ao Goberno español un confinamento domiciliario de 15 días no principado

Decreta o peche da actividade económica non esencial. O Goberno do estado desbota polo de agora o confinamento domiciliario

Avilés, Asturies
photo_camera A Veiga, Asturies.

O Goberno do Principado de Asturies decretou hoxe o peche de toda a actividade económica non esencial do territorio, entre ela a hostalería. Así o decidiu o comité de seguimento da Covid-19 reunido esta mañá cunha resolución que se publicará mañá e que entrará en vigor a cuarta feira, 4 de novembro.

Ademais o Goberno asturiano pedirá ao Ministerio de Sanidade que se aprobe un confinamento domiciliario de 15 días. Unha petición que é desbotada desde o Goberno español. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmou que coas medidas actuais "hai suficiente" e chamou a evitar unha carreura por ver quen toma medidas "máis duras". 

Esta é unha das principais medidas de calado para evitar as interaccións sociais e a mobilidade entre os concellos asturianos dada a alta incidencia do coronavirus no territorio. Ademais o Goberno asturiano tamén decidiu adiantar o toque de recollida ás 22:00.

Segundo o Goberno asturiano, estas medidas están orientadas a "intensificar a diminución da mobilidade e da interacción persoal" nun momento "crítico" no que se disparou a presión asistencial e o índice de positividade mantense entre o 6 e perto do 10%.

O pacientes hospitalizados xa superan os 625 e deles, case un cento ocupan camas de coidados intensivos, servizo no no que máis do 30% das prazas xa son para pacientes con covid.

Desde a semana pasada, en Asturies hai establecido un peche perimetral de toda a comunidade autónoma e dos seus tres principais municipios, Oviedo, Xixón e Avilés, hai toque de recoller entre as doce da noite (que agora se vai adiantar ás dez) e as seis da mañá, hai prohibición de manter reunións con máis de seis persoas e está decretado ás once da noite o peche da hostalería, que non ten permitido servir en barra.

Comentarios