AstraZeneca: o medo a ficar fóra de xogo

A política volveuse impor á ciencia. A suspensión da vacinación nos principais Estados da UE, en contra das recomendacións dos organismos competentes a nivel rexional (a EMA) e mundial (a OMS), provocará un atraso no plan de inoculación. Mais sobre todo aumenta a desconfianza nas vacinas en xeral.
EuropaPress_3493488_jens_spahn_ministro_sanidad_alemania_comparecencia_berlin
photo_camera O ministro de Saúde alemán, Jens Spahn (CDU), cuestionado no país, tirou a primeira ficha do dominó (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

O pasado domingo confirmouse o que as enquisas viñan marcando: a Unión Demócrata Cristiá (CDU) de Alemaña sufría un severo revés nos comicios rexionais de Renania-Palatinado e Baden-Württemberg, os dous primeiros procesos electorais dos sete previstos ─incluído o das xerais─ no ano do adeus da presidenta do Goberno, Angela Merkel.

A popularidade dos membros do Executivo xermano, especialmente dos directamente involucrados coa xestión da pandemia, está en caída libre. Segundo a enquisa publicada a semana pasada pola TV pública, ARD, o ministro de Sanidade, Jens Spahn, e o de Economía, Peter Altmeier, da CDU os dous, caían 12 e 10 puntos.

Onte, unha nova sondaxe a nivel federal rexistraba o nivel máis baixo para a CDU desde marzo de 2020 (baixou outros catro puntos na última semana en intención de voto, até 29%). E tamén unha importante medra na frustración da cidadanía polas decisións ante a crise, no inicio dunha terceira vaga de contaxios no país e logo dos casos de corrupción no caso das máscaras sanitarias. Mentres, os Verdes continúan a subir.

No seo da CDU non son alleos a esta tendencia, que pon en risco a hexemonía da dereita na locomotora da UE e, consecuentemente, da hexemonía da dereita na UE. A mesma CDU que, malia a súa viraxe centrista dos últimos anos, especialmente tras a declaración da pandemia, foi a que defendeu e impulsou con maior forza un "programa de axuste macroeconómico" en varios Estados membros, traducido en fondos recortes en políticas sociais.

Sen relación causa-efecto

Ao día seguinte de se coñecer o resultado nas rexionais alemás, na segunda feira, desencadeábase o episodio de suspensións da inoculación coa vacina de AstraZeneca/Oxford nos principais Estados da UE. A decisión baseábase no rexistro a semana pasada en Austria de casos raros mais serios de tromboses. O regulador europeo, a EMA, sinalaba que a porcentaxe era similar en xente vacinada que sen vacinar, mais a caixa de Pandora xa estaba aberta. 

Tras Austria, axiña outros países do Espazo Económico Europeo ─Dinamarca, Noruega, Islandia─ comezaron a buscar e publicar este tipo de trastornos, indicando non obstante que non se confirmara "até o momento relación de causa-efecto coa vacina de AstraZeneca". "Non hai razón para non utilizar" o fármaco, tamén recalcou a OMS xa na sexta feira:"Hai persoas que falecen todos os días, polo que é normal que haxa persoas que fosen inmunizadas e morran".

O 'principio de precaución'

A influencia que Alemaña ten dentro da UE fixo o resto. "Esta é unha decisión profesional, non política", manifestou o depauperado, pola opinión pública, ministro de Sanidade xermano ao comunicar a decisión de suspender a vacinación con AstraZeneca. 

"Foi unha decisión política", retrucaba poucas horas despois, nunha entrevista en La Repubblica, Nicola Magrini, director da Axencia do Medicamento italiana. En concreto dicía que Italia suspendera a administración da vacina de AstraZeneca porque outros países europeos decidiran facelo. E aseguraba que non había correlación ningunha entre a administración da vacina e os trastornos de coagulación. 

Italia, Francia e España, tras mostraren publicamente unha confianza plena en AstraZeneca,  recuaron ante o temor a ficar en fóra de xogo, baixo a presión da opinión pública interna, se usaban en solitario unha vacina xa en cuestión. Oficialmente alegaron o mesmo: o "principio de precaución". Principio que o profesor de Harvard Cass Sunstein, autor de As leis do medo (2005), falando dos sistemas legais no mundo, define como "paralizante, que leva a inacción, a unha regulación estrita, e a todo o que hai entre medias". "Nos casos relevantes, cada paso, incluído o da inacción, crea un risco para a saúde, para o ambiente ou para ambos", explica.

Os expertos médicos consultados estes días polos principais xornais do mundo consideran que a vacina de AstraZeneca segue a ofrecer "máis beneficios que riscos" e que é "segura". África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, con case tres décadas de experiencia neste campo, sinalaba onte en Nós Diario que calquera fármaco, mesmo "a aspirina ou os anticonceptivos", entraña algún risco.

A eficacia real da vacina

Mais, por que foi AstraZeneca a que se converteu no pandote do plan de vacinación da UE? Segundo informa o diario The New York Times, algúns dos casos detectados en Europa, como os de trombocitopenia inmune ─trastorno polo que o sistema inmunitario destrúe as plaquetas propias─, tamén foron rexistrados nos EUA en persoas que recibiran as vacinas de Pfizer e de Moderna.

Ademais, a vacina de AstraZeneca ten a mesma eficacia que a de Pfizer, mesmo en maiores de 80 anos, segundo o estudo publicado a comezos de mes por Public Health Scotland, a axencia de saúde de Escocia, tras analizar datos de máis de 1,1 millóns de persoas inoculadas no país (a metade con cada un dos dous fármacos). Foi este estudo o que levou, por exemplo en Alemaña, a rectificar a decisión inicial de non a autorizar en maiores de 65 anos.

Nun inicio cuantificouse a eficacia de AstraZeneca en 70%, fronte ao máis de 90% que rexistraron Pfizer, Moderna ou Sputnik V. Porén, Oxford presentou este resultado inicial, que en probas posteriores aumentou ao descubrir que a eficacia era maior distanciando as dúas doses. Porén, o dato inicial callou entre a poboación, como agora os supostos trastornos de coagulación que causa.

Brexit e eleccións

Esta circunstancia veuse a sumar na UE ao enfrontamento coa farmacéutica polos incumprimentos na distribución e á resaca dun complicado divorcio co Reino Unido. Bruxelas acusou a compañía de privilexialo. O director executivo de AstraZeneca, Pascal Soriot, asumiu a responsabilidade do atraso, mais aclarou que Bruxelas contratara a entrega das vacinas tres meses despois que Londres. "A vacina foi desenvolvida co Goberno do Reino Unido, a través da Universidade de Oxford. Estabeleceron que os primeiros envíos serían para eles, e creo que é xusto", sinalou nunha entrevista no xornal español El País.

Noutra entrevista a comezos de ano no alemán Bild, Markus Söder, primeiro ministro de Baviera e un dos políticos máis valorados para substituír a Merkel como candidato da CDU á Chancelaría, sinalaba: "É difícil de explicar por que unha moi boa vacina é desenvolvida en Alemaña [a de Pfizer/BionTech] mais se está a vacinar máis rapidamente en calquera outra parte". Quizais é que no inicio do dominó, en Alemaña, estea a resposta aos acontecementos desta semana.

Comentarios