Alusión expresa ás Ramblas

Serias dúbidas sobre a veracidade da alerta da CIA aos corpos policiais en relación ao atentado jihadista

El Periódico de Catalunya publicou esta quinta feira que a CIA, nunha comunicación realizada en maio, tería advertido aos Mossos dun hipotético atentado jihadista este verán en Catalunya, mesmo con alusión expresa ás Ramblas. A alerta tería chegado tamén ao CNI e á Policía española. Julian Assange (Wikileaks) non demorou en pór en dúbida a credibilidade da información.

Furgoneta ataque terrorista en Barcelona. 17 de agosto de 2017.
photo_camera A furgoneta co que foi perpetrado o atentado das Ramblas após se ver freada sobre o mosaico de Miró

No pantallazo aparece unha alusión directa a que o atentado se podería producir nas Ramblas. A información tería chegado á vez ao Centro Nacional de Intelixencia, á Policía española e aos Mossos.

En primeira instancia, os meios de comunicación de tendencia unionista apresentaron o asunto como unha comunicación da CIA -en realidade, do National Counterterrorism Center (NCTC), o organismo que vincula esta axencia con outras entidades de intelixencia- aos Mossos d'Esquadra. Reforzábase así o relato que determinados órgaos de propaganda españolista están a debuxar estes días: a suposta neglixencia da policía catalá ao non ter baixo control o imán de Ripoll, pretenso líder da célula jihadista, morto na explosión do chalet de Alcanar. [Por suposto eses mesmos órgaos ocultan que o cerebro dos atentados de Barcelona e Cambrils estaba baixo o foco da policía española desde 2005 e que o Ministerio do Interior nunca deu traslado desa información á Generalitat].

Mais os feitos acabaron por desmontar a ficción e pouco despois sóubose que a suposta comunicación do National Counterterrorism Center a terían recibido ao mesmo tempo o CNI e a Policía española, que si tería informado aos Mossos. Estes terían recibido a información tamén de forma directa da CIA, o que non é habitual, dado que as axencias de intelixencia se comunican directamente con interlocutores estatais, non autonómicos.

De ter habido neglixencia por parte dos Mossos -a Generalitat continúa a negar ter recibido información previa algunha da CIA- tamén a tería habido, pois, por parte do CNI e da Policía española.

En todo caso, existen serias dúbidas sobre a credibilidade da noticia aparecida en El Periódico de Catalunya. Wikileaks, portal experto en desmontar as mentiras dos servizos de intelixencia, considera "altamente sospeitoso" o documento que dá suporte á información. A plataforma que dirixe Julian Assange ve indicios de que o pantallazo é falso. Por varias razóns formais, entre elas porque no documento Irak aparece redixido con "k" e non con "q" como se escrebe en inglés e porque o tipo de aspas que se empregan non son as que costuman ocorrer nos textos da CIA.

 

O documento -cheo de grallas e construcións incorrectas en inglés- tampouco aparece selado por ningún carimbo oficial, o que non é normal.

 

El Periódico asegura ter dúas fontes da Generalitat que garanten a veracidade da información e a SER apunta que soubo de boca de portavoces do Ministerio de Interior que a comunicación é certa e que foi recibida á vez pola policía española e catalá. 

Comentarios