Assange poderá apelar ante o Supremo británico a súa extradición a EUA

Esta vitoria no proceso xudicial para o fundador de Wikileaks foi dada a coñecer dúas semanas despois de que un tribunal británico rexeitase por motivos de saúde a petición de traslado de EUA.
EuropaPress_4213609_24_january_2022_united_kingdom_london_supporters_of_wikileaks_founder
photo_camera Defensores de Julian Assange maniféstanse diante do Palacio de Xustiza, onte en Londres (Foto: Kirsty O'connor / PA Wire)

O fundador de Wikileaks, Julian Assange, logrou esta segunda feira unha vitoria no proceso xudicial sobre a súa extradición a EUA ao obter o dereito a apelar contra esta decisión ante o Tribunal Supremo de Reino Unido. Porén, non recibiu o permiso para presentar unha apelación directa, o que implica que o Supremo terá que pronunciarse sobre se acepta escoitar a apelación.

En caso de perder o dereito a apelar, o caso iría directamente a mans da ministra do Interior, Priti Patel, para unha decisión final sobre a extradición. Con todo, o dereito foi garantido por ser un asunto de "importancia pública xeral".

O seu equipo legal celebrou a decisión da corte. "É unha boa noticia [...] As garantías ofrecidas por Estados Unidos [...] terán probabelmente que ser analizadas pola Corte Suprema", sinalou o equipo.

Pola súa parte, a parella sentimental de Assange, Stella Morris, sinalou que "o tribunal aceptou os seus argumentos, que presentan dúbidas sobre se era xusto" extraditalo. "Hoxe gañamos", aseverou antes de insistir en que debe ser liberado.

Saúde deteriorada

A decisión foi dada a coñecer dúas semanas despois de que un tribunal británico rexeitase por motivos de saúde a petición de EUA para extraditar o fundador de Wikileaks, acusado de espionaxe por Washington por difundir miles de documentos oficiais e secretos a través do seu portal.

Assange encóntrase encarcerado na prisión de máxima seguridade de Belmarsh, no sueste de Londres, "case en total illamento", segundo a xuíza. A defensa xa viña advertindo de que a súa saúde se deteriorou gravemente nos últimos anos

Tanto Reporteiros Sen Fronteiras como a Federación Internacional de Xornalistas aplaudiron a decisión.

Comentarios