Assange permanecerá no cárcere mentres se recorre a extradición

A xuíza do caso denegoulle na cuarta feira, 6 de xaneiro, a liberdade condicional ao apreciar que hai un risco real de fuga por parte do fundador de WikiLeaks.
EuropaPress_3505201_06_january_2021_england_london_wikileaks_founder_julian_assanges_partner
photo_camera A compañeira sentimental de Assange, Stella Morris, hoxe en Londres ante os xulgados (Foto: Yui Mok / PA Wire)

A maxistrada que xulga en Londres o caso de extradición de Julian Assange aos EUA denegoulle na cuarta feira a liberdade condicional ao considerar que existe posibilidade de fuga. A defensa do fundador de WikiLeaks solicitara esta medida despois de a xustiza, en primeira instancia, desbotar na segunda feira que fose entregado ás autoridades do país norteamericano polo risco de suicidio. 

A fiscalía británica, en representación dos EUA, prepara o recurso a esta decisión dentro do prazo límite estabelecido de 14 días a partir da decisión xudicial, que será presentado ante o Alto Tribunal de Xustiza de Londres (a corte suprema para Inglaterra e Gales).

De non lograr o seu obxectivo aquí, aínda podería apelar en última instancia ao Tribunal Supremo do Reino Unido. 

"Estou convencida de que hai fundamentos importantes para crer que se o señor Assange é liberado hoxe non cumpriría coa obriga de se presentar ante o tribunal para afrontar o procedemento de apelación", manifestou a xuíza Vanessa Baraitser no Tribunal de Maxistrados de Westminster, encargado de dirimir na xustiza inglesa e galesa os casos de extradición e terrorismo.

A compañeira sentimental de Assange, Stella Morris, manifestou a decepción pola decisión xudicial e pediu o perdón dos EUA. Ao respecto, WikiLeaks anunciou que apelará a negativa á liberdade condicional. 

Clair Dobbin, avogada que representa os EUA, sinalou pola súa banda que Assange fixo no pasado o imposíbel para evitar a extradición e dixo estar convencida de que tentaría fuxir do Reino Unido en caso de se lle conceder a liberdade condicional mentres dura o trámite das apelacións. Neste sentido, salientou "a disposición doutros Estados a ofrecer protección a Assange".

Ademais, Dobbin cre que os argumento da saúde mental para impedir a extradición fai que a decisión final "penda dun fío".

Comentarios