Eleccións nos EUA

Os republicanos recuperan o control da Cámara de Representantes mentres que o Senado fica no ar

Un partido debe lograr 51 asentos para lograr unha maioría no Senado, que conta con cen escanos
Votación para as 'midterm' esta cuarta feira (Foto: Jerry Mennenga / ZUMA Press Wire / d / DPA).
photo_camera Votación para as 'midterm' esta cuarta feira (Foto: Jerry Mennenga / ZUMA Press Wire / d / DPA).

A disputa entre demócratas e republicanos polo control do Congreso dos Estados Unidos de América (EUA) deparou unha carreira igualada tras as eleccións de metade de mandato, as coñecidas como ‘midterm’ decorridas este 8 de novembro, especialmente no caso do Senado, onde catro estados figuran como chave para desnivelar a balanza a favor dun dos dous partidos.

No caso da cámara de representantes norteamericana, os republicanos están a un paso de se faceren coa maioría ao fechamento desta edición. O partido de Donald Trump conta cun total de 210 asentos mentres que os demócratas teñen 200, una distancia considerábel que afasta a cámara dun control do partido de Joe Biden.

No caso do Senado, un partido debe lograr 51 asentos para lograr unha maioría no Senado, que conta con cen escanos, aínda que unha repartición 50-50 deixaría o control en mans dos demócratas, xa que contarían co voto de desempate da vicepresidenta estadounidense e presidenta da Cámara Alta, Kamala Harris.

Neste contexto, a situación en Arizona, Xeorxia, Nevada e Winsconsin figura como crucial para determinar o resultado final, aínda que os demócratas contan con manter o control no Senado, aínda que, segundo todas as enquisas poderían perder a súa maioría na Cámara de Representantes, actualmente encabezada pola demócrata Nancy Pelosi.

A "onda republicana", non tan forte como se prognosticaba

A pesar de que as sondaxes prognosticaban unha maioría folgada dos republicanos en ambas as cámaras ante a caída da popularidade do presidente Joe Biden e o feito de que a noite arrincase cunha vitoria esmagadora do republicano Ron DeSantis en Florida, os demócratas lograron uns resultados mellores do esperado.

A vitoria de DeSantis, que podería servirlle como plataforma para unha posíbel candidatura á Casa Branca nas eleccións de 2024 (nas cales Trump podería participar, se finalmente opta por anunciar a súa candidatura), viuse seguida horas despois por unha vitoria do demócrata John Fetterman en Pennsilvania.

Os republicanos adiántanse no Senado

De acordo cos últimos escrutinios, o partido republicano adiantouse na carreira do senado conseguindo o senador número 49 contra os 48 que actualmente ten o partido demócrata.

De todos os modos, a maioría nesta cámara podería ficar no ar até o vindeiro 6 de decembro, cando terá lugar a segunda volta das eleccións no Estado de Xeorxia, chave para decidir a maioría.

[Información en ampliación]

Comentarios