Galego do Brasil, certo, mais galego.

A Asemblea Xeral da ONU abre, seguindo a tradición, en galego

Na terza feira día 20 o presidente do Brasil, Michel Temer pronunciou o discurso de abertura da 71 Asemblea Xeral da ONU, mantendo a tradición segundo a cal o Brasil é responsábel da conferencia inaugural do evento.

Michel Temer
photo_camera M. Temer, na 71 Asemblea Xeral da ONU

A deferencia remonta aos primeiros anos da ONU, cando Oswaldo Aranha, daquela chefe da delegación brasileira, presidiu a primeira sesión especial da asemblea. Era o ano 1947 e nesa sesión foi aprobada a creación do Estado de Israel. Brasil votou a favor, o que levou a que diferentes entidades sionistas norteamericanas o propuxesen, a Aranha, para o premio nobel da Paz. Aranha voltou chefiar a delegación brasileira en 1957.

En 2012 Dilma Roussef foi a primeira muller en abrir a Asemblea Xeral da ONU. Mais unha cousa é constante: desde 1947, cando chega o mes de setembro, a conferencia de abertura das sesións da Asemblea Xeral da ONU é en galego, galego do Brasil, certo, mais galego.

Temer leva o impeachment á ONU

Nesta terza feira Michel Temer defendeu perante a Asemblea Xeral da ONU a lexitimidade do proceso que levou ao impeachment de Dilma Roussef e dixo que no Brasil ninguén está inmune á acción da lei.

Desde 1947, cando chega o mes de setembro, a conferencia de abertura das sesións da Asemblea Xeral da ONU é en galego, galego do Brasil, certo, mais galego.

“O Brasil acaba de atravessar processo longo e complexo, regrado e conduzido pelo Congresso Nacional e pela Suprema Corte brasileira, que culminou em um impedimento. Tudo transcorreu dentro do mais absoluto respeito à ordem constitucional. Não há democracia sem Estado de direito - sem normas que se apliquem a todos, inclusive aos mais poderosos", dixo Temer, para concluír que o Brasil vive un proceso de depuración política que demostra a forza das súas institucións. "Temos um Judiciário independente, um Ministério Público atuante, e órgãos do Executivo e do Legislativo que cumprem seu dever. Não prevalecem vontades isoladas, mas a força das instituições, sob o olhar atento de uma sociedade plural e de uma imprensa inteiramente livre".

Fanse necesarias mudanzas na ONU para que a entidade poda lidar co “deficit de ordem” que hai no mundo.

A mención ao impedimento foi feita xa no fin do discurso. Antes Temer falou sobre as prioridades do país en política externa e das necesarias mudanzas na ONU para que a entidade poda lidar co “deficit de ordem” que hai no mundo. As críticas de Temer chegan nun momento en que Ban Ki-moon deixa o cargo e soa para o suceder o exprimeiro ministro de Portugal Antonio Guterres. Con el na Secretaría Xeral o galego soará dúas veces na ONU. E aquí na Galiza? Seguirá sendo considerada lingua estranxeira por parte do Goberno?

Comentarios