Asasinatos, violacións, cólera e fame: situación crítica en Tigray

A Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas (OCHA) e catro ex embaixadores dos EUA en Etiopía amosaron a súa "extrema preocupación".
tigray_refuxiada
photo_camera Muller nun campo de refuxiados do Sudán, onde fuxiron máis de 60.000 persoas desde novembro (Leni Kinzli / PMA)

"A seguridade continúa a ser inestábel e impredicíbel" e "os combates persisten" no Estado federado de Tigray, no norte de Etiopía, máis de dous meses despois do inicio do conflito entre o Goberno central e as forzas da Fronte Popular de Liberación de Tigray (popularmente, Weyane), e  malia Addis Abeba dar por concluída oficialmente a operación militar hai semanas. É a análise que fai no seu último informe a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas (OCHA), que pediu ás autoridades un acceso rápido aos traballadores humanitarios. A axencia da ONU calcula en case 2,3 millóns os tigriñas necesitados de axuda inmediata.

"De acordo cos informes sobre o terreo, os movementos fóra das estradas principais son moi inseguros", e abondan "as emboscadas e os asaltos", tamén aos vehículos das organizacións humanitarias co fin de roubar material. Ademais, foron vandalizados dous campos de refuxiados .

Polo menos 74 traballadores técnicos agardan recibir a autorización do Goberno etíope para entrar, apunta o informe. "A situación humanitaria continúa a ser extremadamente preocupante a cada día que pasa, sen acceso ou cun acceso moi limitado a comida, suplementos nutricionais, atención sanitaria e outros servizos e bens básicos", advirte.

Violencia, Covid e lagostas

Neste sentido, subliña que organizacións "sobre o terreo están a recibir informacións dun aumento da fame". Ao conflito armado súmanse a Covid-19 e a praga de lagostas do deserto, alén dunha "tempada de vacas fracas". E coa colleita perdida e sen comercio de entrada a Tigray, "os mercados colapsaron ou están a piques de o facer".

As autoridades interinas no Goberno tigriña, instauradas logo da ofensiva do Exército etíope, confirmaron a morte de 13 persoas ─entre estas tres meniños─ por falta de alimentos. Ademais, hai problemas no abastecemento de auga potábel. A ONU recibiu informacións ─aínda sen confirmar─ dun surto de cólera en Adwa. E o sistema sanitario "colapsou case por completo", cos centros de saúde vandalizados e os profesionais sanitarios, que non cobran, abandonando os seus postos: a OMS estima que só 22% dos hospitais están operativos.

A OCHA ademais recoñeceu a súa "particular preocupación" polo aumento da información sobre casos de violencia sexual, incluídas violacións en Tigray. "A maioría das vítimas din que os ataques foron perpetrados por 'homes de uniforme', nalgúns dos casos a cambio de bens básicos".

"A nosa preocupación é que o que non sabemos sexa aínda peor", declarou tamén a directora de Unicef, Henrietta Fore. A OCHA fai referencia no seu informe á necesidade urxente de axuda psicolóxica, "especialmente para os nenos traumarizados".

Carta ao primeiro ministro

Catro ex embaixadores dos EUA en Etiopía enviaron unha carta ao primeiro ministro do país, Abiy Ahmed, expresando a preocupación pola situación en Tigray e pola presenza de militares de Eritrea, así como polo aumento das tensións étnicas en todo o territorio etíope.

A misiva, asinada por David Shinn, Aurelia Brazeal, Vicki Huddleston e Patricia Haslach  e publicada no xornal local The Reporter, vai na liña do manifestado tamén onte polo departamento de Estado dos EUA (o ministerio de Exteriores), que recoñeceu a existencia "de informes críbeis de saqueos, violencia sexual, asaltos a campos de refuxiados e outras violacións de dereitos humanos".

Comentarios