"Asasínanos o mundo que nos ten aquí fechados"

A poboación gazatí denuncia a posición de Exipto por manter fechadas as fronteiras de Rafah e Kerem Shalom.

Mapa Faixa de Gaza
photo_camera Mapa Faixa de Gaza

A Faixa de Gaza tornouse unha ratoeira. Todas as fronteiras permanecen fechadas desde que comezou o asedio do exército israelita. E van para tres semanas de bombardeos constantes --téñense cifrado segundo as axencias de noticias desprazadas na zona en unha bomba cada 10 segundos. A poboación non pode fuxir dos ataques porque, simplemente, non ten a onde ir. De feito, algúns dos espazos habilitados polas Nacións Unidas para refuxiar as persoas que perderon as súas moradas --e familiares-- continúan a dar acubillo a milleiros de persoas despois de seren derrubados parcialmente pola ofensiva israelita. 

"Deixei a miña casa coas miñas fillas hai unha semana", explica Ataf, unha nai de 30 anos, nas declaracións recollidas polo corresponsal Alberto Sicilia e que foron publicadas no seu blogue Principia Marsupia en Publico.es. "Vimos refuxiarnos aquí", apunta en relación a unha escola da ONU, "porque os panfletos que lanzaban os avións israelitas prometíannos que era un lugar seguro. Esta noite vimos morrer 16 persoas, mais non temos onde ir". 

"Mátanos Exipto, mátanos Exipto que non nos deixa fuxir", berra unha muller no que resta dun dos hospitais gazatís tamén bombardeados

As dramáticas afirmacións de Ataf repíteas a maior parte da poboación gazatí que ve como todos os pasos fronteirizos que conectan a Faixa de Gaza con Exipto permanecen fechados. 

Sen saída

"Non nos mata Israel, nen Hamas. Asasínanos o mundo que nos ten aquí fechados", berraba unha muller no que resta de hospital en Gaza, pois todos eles foron obxectivo da aviación militar israelita. "Mátanos Exipto, mátanos Exipto que non nos deixa fuxir", repite entre a carraxe e o pánico pola permanente ameaza, os cadáveres apilados e a destrución psicolóxica dun pobo masacrado perante a impasividade da comunidade internacional. 

Os pasos de Rafah e Kerem Shalom son as únicas portas de saída da Faixa. Ao outro lado o mar, controlado pola marina israelita, e do doutro unha ocupación territorial que avanza e impide exercer o dereito fundamental á vida. 

Nen a Carta das Nacións Unidas, nen os Acordos de Xenebra, nen a Declaración Universal para os Dereitos Humanos teñen valor en Gaza pois a comunidade internacional continúa a aumentar a capacidade militar de Israel após enviar os EUA nova munición de combate. Poucas horas despois de amosar o seu rexeitamento polo bombardeo a unha escola das Nacións Unidas, un edificio que de acordo co Dereito Internacional, goza de inviolabilidade. 

Comentarios