Axustizan o alcalde de Kreminna, en Luhansk, partidario de negociar co Goberno ruso

Un asesor do ministro de Interior ucraíno anunciou o asasinato cualificándoa Vlodymyr Struk de "traidor", e xustificou o xuízo paramilitar ao que foi sometido.
Vlodymyr Struk (á esquerda) durante as protestas pro rusas de 2014 en Luhansk. (Foto: Kremlin/dpa)
photo_camera Vlodymyr Struk (á esquerda) durante as protestas pro rusas de 2014 en Luhansk. (Foto: Kremlin/dpa)

Vlodymyr Struk, alcalde de Kreminna, unha das principais cidades da zona de Luhansk, foi axustizado na pasada terza feira presuntamente por un grupo de paramilitares, despois de que o secuestraran no interior do seu fogar.

Struk manifestouse desde o comezo da ofensiva rusa en solo ucraíno a prol de que o Goberno ucraíno negociase co Goberno ruso para pór fin aos bombardeos dos batallóns ultradereitistas na zona do Donbás.

"Un traidor menos de Ucraína! Vladimir Struk, deputado do Consello Rexional de Luhansk, foi atopado asasinado"

Na pasada terza feira, un grupo de paramilitares entrou na súa casa mentres se atopaba coa súa muller, e foi levado pola forza. Un día despois, o seu cadáver apareceu nunha zanxa próxima a Kreminna, cun disparo no corazón. 

O asesor do ministro de Interior ucraíno, Anton Herashchenko, foi quen confirmou o asasinato do alcalde de Kreminna nas súas redes sociais, ao que cualificou de "traidor" ao pobo ucraíno.

Xuízo paramilitar

Segundo explicou Herashchenko, Struk foi secuestrado por un grupo de "patriotas descoñecidos" que o someteron a un xuízo paramilitar e o condenaron a morte, pena que foi aplicada mediante o fusilamento do representante público.

"Un traidor menos de Ucraína! Vladimir Struk, deputado do Consello Rexional de Luhansk, foi atopado asasinado", sinalou o asesor ucraíno.

Vlodymyr Struk posicionarase a favor da independencia da República Popular de Luhansk despois do golpe de Estado de 2013 en Ucraína. Foi un dos representantes políticos que declarou esta independencia, e nas últimas semanas pedira axuda ao Goberno ruso ante os bombardeos ucraínos no Donbás.

Comentarios