martes 21.01.2020

Asasinadas 12 persoas nun ataque contra a publicación francesa 'Charlie Hebdo'

Outras 4 persoas resultaron feridas de gravidade nun tiroteo na redacción do semanario satírico francés Charlie Hebdo. VÍDEO NO INTERIOR.

[Imaxes Charlie Hebdo]
[Imaxes Charlie Hebdo]

Un ataque contra a sede da publicación francesa Charlie Hebdo rematou con 12 persoas asasinadas e 4 feridas graves esta cuarta feira (7 de xaneiro). A agresión produciuse por volta das 11:00 da mañá na redacción do semanario onde decorría a xuntanza semanal da equipa de traballo. Dous homes vestidos de negro e encarapuchados dispararon con kalashnikovs nun ataque que causou a morte, segundo informan diversos medios franceses, entre outras persoas do director, o xornalista e debuxante Charb e tres dos caricaturistas da publicación, Cabu, Tignous e Wolinski. 

Aliás, a axencia AFP dá conta de dous axentes da policía francesa mortos e máis de 20 persoas feridas, catro delas en estado grave. 

Após o ataque, que foi cualificado como "atentado terrorista" polo presidente francés, François Hollande, as autoridades do país decretaron o estado de máxima alarma por ameaza de terrorista e segundo informaron medios como Le Monde, as sedes doutras publicacións foron postas baixo vixianza perante un posíbel ataque. 

É "un acto de barbarie contra un xornal, é dicir contra a expresión de liberdade, é un acto contra xornalistas", apuntou Hollande desde o lugar dos feitos até onde se desprazou con urxencia logo de coñecer o ataque. Ás 20 horas o presidente da República francesa enviará unha mensaxe institucional á poboación após a xuntanza extraordinaria do Consello de [email protected] que foi convocada para esta tarde. 


VIDEO. Des images de l'attaque au siège de... por francetvinfo

Agresións anteriores

O semanario satírico Charlie Hebdo foi ameazado en anteriores ocasións pola publicación de caricaturas que tiñan como protagonista a Mahoma. Neste senso, o director da publicación mesmo fora denunciado pola Gran Mesquita de Paris, a Unión de Organizacións Islámicas do Estado francés e a Liga Islámica Mundial, embora non prosperar xudicialmente e ter quedado o debuxante en liberdade sen cargos. 

Aliás, en 2011 a anterior sede da Charlie Hebdo fora incendiada logo de anunciaren a publicación dun número con Mahoma como "redactor xefe". Un ano despois foron convocados distintos actos de protesta contra o semanario polas súas caricaturas de Mahoma. 

comentarios