Asalto ao Capitolio dos EUA: a extrema dereita na UE xoga ao despiste

Trump foi o seu modelo durante os últimos anos. Agora, a menos de dez días de que abandone a Casa Branca, a este lado do Atlántico son os seus antigos aliados, os líderes da extrema dereita, quen comezan a abandonalo a el ou, canto menos, a pór distancia tras o impacto na opinión pública europea do asalto ao Capitolio.
identidade_democracia
photo_camera Membros do grupo ultra europeo Identidade e Democracia (Identidade e Democracia)

Os sucesos do 6 de xaneiro no Capitolio de Washington provocaron unha condena unánime en todo o mundo, aínda que con matices á hora de sinalar responsábeis. No caso dos líderes da UE, moitos apuntaron de maneira máis directa ou indirecta cara ao presidente dos EUA, Donald Trump, como o principal incitador; por exemplo os primeiros ministros dos Países Baixos e Alemaña, Mark Rutte e Angela Merkel, respectivamente.

A contundencia non foi tal no caso dos máis leais aliados de Trump durante os últimos anos, tanto os que ocupan responsabilidades de Goberno como os que lideran formacións políticas próximas ao trumpismo: líderes e partidos que na UE se sitúan no espectro da extrema dereita. Así, se ben o asalto foi censurado, despexouse o presidente da ecuación. Non obstante, obsérvanse fendas no aliñamento sen fisuras que caracterizou a época recente: ningún saíu na súa defensa.

Por exemplo, o presidente de Eslovenia, Janez Jansa, firme seguidor da figura de Donald Trump, afirmou que "todos deberiamos de estar preocupados pola violencia en Washington. A democracia presupón protestas pacíficas, mais a violencia e as ameazas de morte ─desde a esquerda ou a dereita─ son sempre erróneas", escribía na súa conta do Twitter, sen deixar pasar a ocasión de meter no mesmo saco os seus rivais políticos.

Con menos circunloquios abordaron a cuestión desde Hungría e Polonia ─os principais aliados na UE deste Goberno estadounidense─, aínda que tampouco houbo unha defensa explícita de Trump. O primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, dixo que "non nos gusta que nos xulguen, por iso non xulgamos outros países. Non debemos interferir co que está a pasar nos Estados Unidos. Estamos seguros de que poderán resolver os seus problemas", afirmou na súa entrevista semanal na radio pública húngara, Kossuth Rádió. Durante a campaña electoral estadounidense, Orbán afirmara que a reelección de Trump era a "mellor solución para Europa central".

Na mesma liña pronunciouse o presidente polaco, Andrzej Duda, que considerou que os eventos en Washington eran un asunto interno dos EUA. Pola súa banda, o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, non se pronunciou ao respecto, aínda que nunha entrevista publicada na fin de semana en Die Welt manifestou a súa "preocupación polo crecente anti americanismo nalgúns Estados membros da UE". O xornal alemán non especifica se esta foi realizada antes do 6 de xaneiro. 

E cun xesto simbólico despachou o asunto outro aliado de Trump na UE. O primeiro ministro da República Checa, Andrej Babis, retirou das súas redes sociais a pucha vermella co lema "Silné Česko" ("Unha Chequia forte", inspirado no "Make America Great Again" trumpista). Nunha visita á Casa Branca en marzo de 2019, Babis manifestara a devoción polo mandatario estadounidense e anunciara o seu plan "de facer a República Checa grande de novo".

Marcha atrás

Noutros Estados da Unión Europea  onde a extrema dereita está fóra do Goberno, esta quixo pór distancia co até agora aliado e modelo. Por exemplo, Geert Wilders, fundador do Partido pola Liberdade (PVV, nas siglas en neerlandés). "O resultado das eleccións democráticas debería ser sempre respectado, tanto se gañas como se perdes", escribiu na conta do Twitter o coñecido como "O Trump neerlandés".

Tamén nesta rede social, o líder da Liga, Matteo Salvini, sinalou desde Italia: "A violencia nunca é a solución, nunca. Viva a liberdade e a democracia, sempre e en todas partes". Nos últimos meses, Salvini fíxose eco en numerosas ocasións, tanto nas redes sociais como nos medios, das denuncias de fraude electoral defendidas por Trump. Ademais, nos meses previos aos comicios apareceu en varios actos públicos con máscaras e gorras da campaña republicana.

E en Francia, os eventos do Capitolio ─ou a perplexidade que provocaron na opinión pública─ levaron a presidenta de Agrupamento Nacional, Marine Le Pen, a recoñecer por vez primeira a vitoria do demócrata Joe Biden. Tamén como Matteo Salvini, Le Pen fixo unha forte aposta pola vitoria de Trump, mesmo enviando unha delegación do partido para lle dar apoio nos días previos ao 3 de novembro. 

Mais da noite á mañá todo cambiou. En declaracións a France 2 un día despois do asalto ao Capitolio afirmou que Trump "non medira o impacto das súas declaracións nalgunhas destas persoas que se viron exacerbadas pola derrota". "A partir do momento en que a certificación dos votos se efectúa, non teño ningún problema en admitir que o señor Biden é presidente dos Estados Unidos", manifestou.

As dúas almas da AfD a meses das eleccións

Os sucesos do 6 de xaneiro fixeron revivir en Alemaña o sucedido o 29 de agosto en Berlín, cando unha protesta ante o Reichstag contra as restricións pola Covid a piques acaba cun asalto á sede do Parlamento.

Lembrouno o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier: "Non esquecemos aquelas imaxes, cando inimigos da democracia ocuparon as escaleiras do noso Reichstag". Entre os convocantes ─e algúns dos incitadores do asalto─ estaban membros e simpatizantes de Alternativa para Alemaña (AfD), que criticou a comparación de Steinmeier.

O partido de extrema dereita oscila entre a ala moderada e a ultra, representada respectivamente polos copresidentes, Jörg Meuthen e Tino Chrupalla, aínda que abala máis cara á segunda. Porén, ambos os dous condenaron o asalto ao Capitolio. De cara ás eleccións de setembro está por ver que versión da AfD se imporá.

Comentarios