venres 24/09/21

Covid: As doentes oncolóxicas ou con inmunosupresións recibirán unha terceira dose da vacina

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, puntualizou que serán os gobernos territoriais os que decidan o procedemento. Estímase que esta medida afectará a perto de 120.000 persoas en todo o Estado español. Por outra banda, instouse a participar nun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde sobre o novo modelo da Atención Primaria.
A ministra Carolina Darias na súa comparecencia de hoxe. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press) #vacinación #coronavirus #covid19 #terceiradose #vacina #cisns #carolinadarias
A ministra Carolina Darias na súa comparecencia de hoxe. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press) #vacinación #coronavirus #covid19 #terceiradose #vacina #cisns #carolinadarias

Haberá terceira dose da vacina fronte á Covid-19 a corto prazo pero será só para determinadas persoas, afectadas por diferentes doenzas. Así o acordaron esta cuarta feira o Ministerio de Sanidade e a representación dos diferentes territorios do Estado español no marco do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).

A ministra Carolina Darias explicou que esta terceira inoculación do tratamento contra o coronavirus será aplicada, após chegar ao consenso, ás pacientes con determinadas inmunosupresións, ás persoas transplantadas dun  órgano sólido e de medula ósea e a doentes que están a recibir algúns tratamentos oncolóxicos.

Baixo estas pautas, as persoas a vacinar serían perto de 120.000, segundo unha primeira estimación.

Polo de agora o Estado frea a terceira dose global, da que falara hai algunhas semanas Darias, e vai apostar nunha “dose adicional” para “completar o nivel de inmunidade que confire a vacinación normal” en cidadás que non se atopen en circunstancias de saúde especiais.

Así serán as diferentes administracións sanitarias territoriais “as que estabelezan o procedemento para seguir”.

Darias non renuncia a chegar a novos colectivos que poderían precisar ese cambio na pauta, polo que se vai facer “unha avaliación constante e periódica”.

Doutra banda, na cita, o Ministerio de Sanidade propuxo ademais celebrar unha reunión con todos os gobernos dos diferentes territorios para pór en común unha nova estratexia sobre o modelo de Atención Primaria.

comentarios