As Malvinas votan en referendo o seu futuro político

Decidirán se continúan ou non pertencendo ao Imperio británico. Arxentina --que pon en dúbida a lexitimidade da consulta argüíndo que esta responde a unha estratexia británica-- reclama a soberanía deste arquipélago desde 1833 porén, todo apunta a que a cidadanía se inclinará pola súa continuidade como territorio británico. Así as cousas, a maior parte da poboación de ambos os dous países en conflito descoñece mesmo a convocatoria desta consulta popular.

Kelpers ou Falklands? Con estes dous nomes son coñecid@s dunha banda @s habitantes das Malvinas na Arxentina e, doutra, o propio arquipélago en lingua inglesa. Máis dun milleiro de habitantes están chamad@s ás urnas nesta antiga colonia británica para decidiren se continúan, ou non, tomando parte dos territorios que compoñen o Reino Unido. Unha consulta popular determinará o futuro político das Malvinas, cuxo resultado se dará a coñecer na madrugada da segunda feira.

Esta é a primeira ocasión en que a cidadanía insular se pronunciará a respecto da súa permanencia ou non no Reino Unido. Para tal fin responderán a unha sinxela pregunta: "Quere que as illas Falklands manteñan o seu status político actual como territorio do Reino Unido de ultramar?". O goberno británico apoiou a consulta --non así o arxentino-- que asegura, o executivo malvinense emprega o plebiscito como estratexia política para se negaren a negociar con Bos Aires.

As bandeiras británicas que penduraban das institucións e moradas do arquipélago após a convocatoria da consulta, apuntan cara á unha inminente vitoria do 'si' co que as Malvinas apostarían pola súa permanencia entre os territorios británicos de ultramar. Esta previsión motivou o apoio británico e o propio proceso electoral. 

Inglaterra amósase favorábel ás consultas soberanistas, sobre todo cando o resultado lle favorece
Con este, suman dous os referendos soberanistas apoiados polo Reino Unido. Xunto ás Malvinas, o primeiro ministro británico acordou co SNP (Partido Nacionalista Escocés, nas súas diglas en inglés) a convocatoria dun plebiscito en 2014 en que se decidirá a independencia, ou non, da até o de agora illa británica. Ao contrario do que acontece no Estado español --cuxo goberno vén de presentar un recurso perante o TC para impugnar a Declaración de soberanía aprobada polo Parlament catalán, Londres amósase máis transixente a respeito do debate territorial entre as nacións que demandan recoñecemento dun outro status xurídico e político. No entanto, o seu goberno confía en que os resultados electorais sexan favorábeis ao mantemento da integridade territorial británica. 

Comentarios