As FARC e o goberno de Colombia encamíñanse cara á paz

O presidente colombiano, Juan Manuel Santos, e representantes das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), asinaron na Habana un acordo que procura pór fin ao conflito armado. Así mesmo, iniciarán negociacións a prol da paz.

Após case cincuenta anos de conflito, o goberno de Colombia e as FARC iniciarán unha rolda de negociacións cuxo obxectivo é rematar coa violencia en Colombia a través do diálogo. Fontes de TeleSur aseguran que as negociacións comezaron o pasado mes de maio na cidade da Habana onde tamén participaron Venezuela, Noruega e Cuba. Nas xuntanzas estaban presentes o guerrilleiro Mauricio, Rodrigo Granda, Marcos Calarcá e Andrés París. Pola súa banda, o goberno colombiano estaría representado polo conselleiro de seguridade Sergio Jaramillo, o ministro de Medio Ambiente Frank Pearl e Enrique Santos Calderón, irmán do presidente, Juan Manuel Santos.

Segundo as primeiras declaracións achegadas polas axencias de noticias latinoamericanas, as dúas partes acordarían a elaboración dun novo proxecto de sociedade que abranga as reivindicacións das FARC mais, di o goberno colombiano, "sen ser radical". O devandito proxecto sería deseñado nun prazo de ano e medio.

O proceso de negociación
Segundo informou TeleSur os encontros entre a delegación do goberno colombiano e as FARC iniciaranse na cidade norueguesa de Oslo. Despois volverán á Habana onde asinarán o acordo que pretende pór fin a case cincuenta anos de conflito armado. Representantes gobernamentais aseguraron que manterán un debate sobre a democracia participativa con representantes do Storting --parlamento unicameral-- noruegués.

Estas negociacións prodúcense após o anuncio en agosto de 2011 do entón máximo dirixente das FARC, Alfonso Cano, da vontade da guerrilla de inciar diálogos de paz que rematasen coa guerra en Colombia. Asemade, nunha carta publicada en abril deste ano, as FARC expresaban a súa disposición para "sentarse a conversar" mais sen que isto supuxese unha rendición. Segundo este documento, a reinserción social da guerrilla "exixe unha Colombia diferente".

Comentarios