As exixencias da troika baten contra o poder local en Portugal e provincial en Italia

Senllos decretos aproban a re-organización territorial en Portugal e Italia e dan conta da ofensiva centralizadora promovida pola troika.
Mobilización en Portugal
photo_camera Mobilización en Portugal

A crise económica está a remover todo. Xunto ás políticas de axuste e recortes promovidas polas organizacións financeiras internacionais e polos gobernos de toda Europa, o capital lanza a súa ofensiva contra o poder local e exixe a re-organización territorial dos estados.
Portugal e Italia son os primeiros en aprobar cadanseu decreto polo cal se suprimen e concentran entidades administrativas. Freguesías e provincias serán obxecto de novos axustes encamiñados a re-organizaren o mapa territorial luso e italiano en aras, apuntan os seus gobernantes, do aforro.
No entanto, o executivo italiano liderado polo tecnócrata Mario Monti lanzaba un aviso nun comunicado: "é o primeiro paso" cara a unha reforma máis ampla que prevé a re-organización da administración de todo o territorio. Polo de agora, farán desaparecer 35 provincias italianas e máis dun milleiro de freguesías portuguesas.

O poder centralizado no estado
A troika manda e os gobernos obedecen. A redución do gasto público a mínimos insostíbeis que asfixia as políticas públicas e os servizos sociais, prevé varrer con todo. Até a prensa máis conservadora aseguraba con fachenda que a crise económica conseguira o que moitos gobernantes tentaran, borrar o mapa territorial dos países industrializados cunha ofensiva centralizadora que outorgue maior control ao estado, en tanto que entidade administrativa.
Porén a reforma aprobada en Portugal e Italia non supón unicamente a eliminación dun marco administrativo, senón tamén dos servizos que estas entidades xestionan. "As provincias serán completamente novas na súa dimensión e funcións", aseveraba Patroni Griffi, ministro de Administracións Públicas italiano, advertindo da "racionalización de competencias" que sufrirán estas administracións.

A re-organización promovida pola Troika procura instaurar un modelo ambicionado por moitos gobernos durante anos

Pola súa banda, o goberno de Passos Coelho suprimirá e re-agrupará freguesías nunha "ofensiva contra o poder local democrático", apuntaba Jorge Cordeiro, membro da Comissao Política do PCP. @s comunistas portugueses non dubidan en afirmaren que a re-organización territorial promovida pola troika supón "un proxecto de liquidación da autonomía administrativa do poder local" e aseguran que o seu obxectivo atende a un modelo "que o goberno ambiciona impor". Porén, engaden, "en vez de gaños de eficiencia" como sustentan os gobernos luso e italiano, o que resultará da reforma é "menos proximidade e resposta directa aos problemas locais con menos palabras e menos recursos dispoñíbeis", afirma Cordeiro.

A aprobación da Reorganización da Administración Territorial Autárquica (RATA) pola que se estabelece a supresión de freguesías, que na actualidade fornecen servizos básicos á cidadanía, contou cunha importante resposta social no país, organizada arredor da Plataforma Nacional Contra a Extinción de Freguesías. "Temos que demostrar que o que se está a facer é un enorme erro", di Nuno Cavaco, membro da plataforma, que engade, "non se poden extinguir freguesías sen o acordo destas".

Jorge Cordeiro (PCP): "A supresión de freguesías supón unha ofensiva contra o poder local democrático"

Neste sentido, no PCP aseguran que coa resposta social "o goberno sufriu unha primeira e importante derrota", pois "o illamento político, social e institucional ao que foi sometido o goberno neste proceso, é en si propio unha derrota fronte ao proxecto de liquidación das freguesías".
Tamén así, a Unión de Provincias italianas criticou o executivo de Mario Monti pois din, a medida aprobada "non ten en conta a realidade socioeconómica" do país e pretende converter as provincias en simples "confins xeográficos".

O modelo de goberno europeo
As freguesía portuguesas son "unha conquista de Abril", asegura Jorge Cordeiro, pois prestan servizos de maneira directa á poboación local. Neste sentido, a súa desaparición "significaría unha completa des-caracterización dos elementos máis progresistas e avanzados do poder local". Aliás, o seu re-agrupamento suporá en palabras de Cordeiro "menos cohesión para os territorios máis empobrecidos", pois di, "xuntar territorios máis fortes, máis ricos ou con máis poboación, cos máis fracos ou menos poboados, traducirase en máis atracción para os primeiros e máis abandono para os segundos".

A reforma territorial implantada en Portugal e Italia procura inevitabelmente ser exportada a outros territorios de Europa que deberán adaptarse aos "actuais modelos de goberno europeos", din desde Italia avanzando o que acontecerá, máis cedo que tarde.

Comentarios