Mario Monti, o primeiro ministro que impuxeran Bruxelas e Merkel, varrido polo eleitorado italiano

A abstención medrou nun 5% a respeito das eleccións de 2008 nuns comicios marcados por un incremento da prima de risco proporcional ao aumento de apoios ao partido de Berlusconi. O xa ex-primeiro ministro, Mario Monti, fica como cuarta forza parlamentar detrás de Bersani, Berlusconi e Grillo.
Monti
photo_camera Mario Monti

As entidades financeiras amosaron o seu rexeitamento a unha posíbel vitoria do PDL de Berlusconi elevando até os 300 puntos a prima de risco. O índice reflectiu un importante incremento após o inicio do reconto electoral e logo de ficar quedo cos prognosticos das sondaxes a pé de urna. O número de apoios obtidos polo cavaliere convérteno na segunda forza política despois de Bersani quen podería vir a ser primeiro ministro italiano.

Porén, a entrada como terceira forza do cómico Beppe Grillo deixa abertas múltiples posibilidades ou mesmo unha complexa lexislatura para o denominada centro-esquerda de se facer finalmente co Goberno. Unha formación que, asegurou, continuará coas medidas deseñadas desde a Troika, iso si, respectando os dereitos dunha poboación italiana que sairá esta segunda feira de máis dun ano de goberno tecnócrata encabezado polo que, sen dúbida, é o derrotado da xornada.

Mario Monti convertíase en 2011 no primeiro ministro italiano por orde das institucións comunitarias. A saída de Berlusconi após asegurar que non pagaría a débeda deixaba marxe de manobra suficiente a Bruxelas para pór --sen eleccións de por medio-- o economista de ideoloxía neoliberal á fronte de Italia. Porén, os comicios desenvolvidos desde o pasado domingo convertíanse na proba de lume para o tecnócrata que finalmente saiu derrotado. A coalición liderada por Monti, con apenas o 10 por cento dos sufraxios, fica como cuarta forza política sen moitas posibilidades de conseguir ser chave na configuración dun novo Goberno.

Comentarios