"Isto é moito peor que o apartheid, non é acreditábel mais é verdade"

O grupo solidario estadounidense If Americans Knew botou a ollada aos datos fornecidos por diversas fontes estatísticas e elaborou un recente estudo en que debulla os efectos do conflito en Palestina. As consecuencias da colonización israelí deixan desde o ano 2000 milleiros de persoas asasinadas, porén a comparativa entre as vítimas dos dous actores en conflito reflicte importantes desequilibrios.

"A resposta israelí foi brutal: ataques aéreos sobre rúas cheas de xente, indiscriminadamente...", quen así fala é Jamal Juma, activista palestino e coordinador dun movemento social de resistencia non violenta á ocupación sobre os territorios palestinos. Para Juma, o verdadeiro problema en Palestina "é a ocupación, ese é o maior problema" materializado no "Muro da vergoña" construído hai máis dunha década que lembra ao xenocidio experimentado por moit@s xudeos e xudías durante o Holocausto nazi.

Vítima da represión sionista Jamal Juma estivo preso nunha cadea de Tel Aviv --sen acusación-- e narra con dureza a crúa realidade do día a día nos territorios ocupados, "pagamos dúas veces o prezo da auga, que nos é racionada, dunha auga que é nosa, do noso territorio, que foi usurpado", asegura, entrementres un compañeiro seu que como Jamal toma parte no Fórum Social Mundial que se desenvolve en Porto Alegre (Brasil) afirma con rotundidade "isto é moito peor que o apartheid, non é acreditábel mais é verdade".

Un conflito en cifras

Neste sentido, as cifras falan por si soas. Segundo os datos tirados polo grupo solidario If Americans Knew, desde setembro de 2000 foron asasinados máis de seis mil palestin@s adult@s froito de ataques desenvolvidos polo exército sionista. Correspondéndose as cifras máis elevadas coa Operación Chumbo fundido (2008-2009) e co 2002, ano en que Israel levou a cabo a operación Escudo defensivo no campo de refuxiad@s palestino de Yenin (Cisxordania). Moitas das persoas falecidas en Palestina débense á falta dunha asistencia médica de urxencia, segundo apunta o informe elaborado por If Americans Knew. Pola contra, neste mesmo período de tempo, só faleceron 1.097 israelís --na súa maioría soldados. Así o recolle o B’Tselem, oficina israelí do Centro para os dereitos humanos nos territorios ocupados.

Porén, as principais vítimas das ofensivas israelís sobre o territorio palestino son as máis das veces crianzas. Desde o ano 2000 morreron perto de 1500 menores palestin@s nos sucesivos ataques israelís, situándose máis unha vez o pico máis alto no ano 2009. Catherine Cook asegura a este respecto que a maioría desas crianzas foron asasinadas ou feridas entrementres desenvolvían actividades diarias, como ir á escola, xogar, facer compras ou simplemente estar nas súas casas". Aliás, o 64% d@s menores mort@s nos primeiros meses de 2003, morreron a consecuencia de ataques terrestres do exército israelí ou mesmo de fogo indiscriminado contra barrios residenciais.

O 64% das crianzas palestinas asasinadas desenvolvían tarefas tan cotiás como xogar ou ir á escola

Os datos tirados do estudo deixan ver que o número de persoas asasinadas por Israel é exponencialmente superior ao de cidadá(n)s israelís mort@s, en gran medida froito da existencia dun exército profesional e de armamento de última tecnoloxía que reduce as baixas hebreas e aumenta o número de vítimas palestin@s. Neste sentido, John J. Mearsheimer e Stephen M. Walt aseguraban na súa obra The Israel Lobby and U.S. Foreign Policy (O lobby de Israel e a política exterior dos EUA) que "desde a guerra de outubro en 1973, Washington forneceu a Israel un nivel de apoio que supera o montante previsto para calquera outro estado" até se converter a partir de 1976 no maior receptor de axuda económica e militar dos EUA, desde a II Guerra Mundial. En 2003 o financiamento estadounidense a Israel superaba 140 millóns de dólares. No que levamos de ano e segundo informes do goberno estadounidense, os EUA investiron máis de 3 millóns de dólares no seu aliado militar.

Comentarios