Comunidade, familia e a ONU dubidan das forzas de seguridade do Goberno Arxentino

Santiago Maldonado, a 'desaparición' que esperta as vellas pantasmas en Arxentina

Santiago Maldonado, artesán de 28 anos nado en Bos Aires e que mudou hai uns meses á cidade de El Bolsón, preto de Bariloche (provincia de Río Negro), atópase en paradoiro descoñecido desde hai case unha semana após de participar nunha protesta en defensa da comunidade mapuche. Non é nin activista, nin militante; mais si solidario e apoia o reclamo dos pobos orixinarios polas súas terras ancestrais.

Un activista coa foto de Santiago Maldonado ás portas do Congreso de Bos Aires Foto: Telesur
photo_camera Un activista coa foto de Santiago Maldonado ás portas do Congreso de Bos Aires Foto: Telesur

O pasado 31 de xullo, Santiago viaxou até a localidade de Cushamen, na veciña provincia de Chubut, que desde hai dous anos a comunidade mapuche ocupa. Uns terreos que están en mans do empresario e fundador italiano Luciano Benetton, mais que reclaman como propios, e onde a comunidade leva tempo a realizar cortes de estradas en protesta pola detención do seu líder Facundo Jonas Huala. Un día após de chegar a Cushamen, o 1 de agosto, realizouse unha protesta en defensa da comunidade e coa petición da liberación do seu líder, mais as forzas de seguridade arxentinas irromperon con violencia e desde entón ninguén sabe onde está Santiago.

Segundo as testemuñas, preto de 30 efectivos uniformados da Gendarmería Nacional Arxentina (GNA) –forza de seguridade de natureza militar– ingresaron de maneira irregular e violenta no territorio da comunidade mapuche Pu Lof en Resistencia e comezaron a disparar e a queimar pertenzas das familias, o que levou a que todas as persoas alí presentes corresen cara un río preto a agocharse. Algunhas lograron cruzar e escapar, mais hai testemuñas que aseguran ver a Santiago correndo para protexerse dos disparos antes de cruzar o río.

Desde a outra beira do río, as e os que puideron fuxir viron a Maldonado suxeito a unha árbore até escoitar a voz dos gendarmes exclamar “aquí temos a un” acompañado dun “estás detido”. Outras persoas aseguran que viron como “un grupo de gendarmes golpeaban a un mozo varón maniatado”. Posteriormente, outra das testemuñas observou “como uns oito efectivos formaban unha fila para ocultar algo que intentaban meter pola porta traseira dunha camioneta da GNA”. Aínda que ningunha das testemuñas puido identificar con precisión quen foi a persoa ingresada na camioneta, a comunidade informou de que non hai máis persoas desaparecidas que estivesen presentes en aquel momento.

En medio dun tenso clima político, a escasos días de que se realicen as Primarias Abertas Simultáneas e Obrigatorias (PASO), Maldonado continúa desaparecido e desde o goberno non se fan máis declaracións que o de até agora. A Ministra de Seguridade de Arxentina, Patricia Bullrich, declarou non ter sinais da presencia de Maldonado na protesta e sostén que “non existen indicios para pensar que Santiago se atopase alí, pois a maioría das persoas levaban os rostros cubertos”. Mais Fernando Machado, defensor público federal opina todo o contrario e asegura non compartir a opinión da Ministra.

Após da rolda de prensa do Xuíz Federal encargado do caso, Guido Otranto, Fernando desmentiu a versión do propio Xuíz quen declarou que “a comunidade mapuche non deixou pasar á Prefectura Naval Arxentina á localidade, polo que non puideron realizar as pesquisas necesarias”. Ante estas declaracións, Machado asegurou que “en ningún momento a comunidade se negou” e apuntou que a institución “puido recorrer ambas marxes do río nun espazo determinado”.

Peticións de busca e actuación

Malia que a comunidade realizou numerosas accións de busca, e que se presentaron varios recursos de Habeas Corpus ante o xuíz Otranto, para que o Estado tome medidas urxentes de busca, as autoridades non ofreceron información algunha. Após de máis dunha semana desaparecido, todos buscan a Santiago. Desde organismos de dereitos humanos até a Organización de Nacións Unidas (ONU), que a través do seu Comité contra as Desaparicións Forzadas emitiu unha Acción Urxente esixindo información sobre o seu paradoiro. E desde a expresidenta Cristina Fernández de Kirchner –agora líder da oposición­– até o propio goberno, que ofreceu unha recompensa de preto 28 mil dólares para atopalo.

Comentarios