América Latina

"Pór a Arxentina outra vez de pé"

Alberto Fernández, da man de Cristina Fernández, asume esta terza feira, 10 de decembro, a Presidencia arxentina.
frente_de_todos
photo_camera Militantes da Fronte de Todos fan o símbolo da vitoria diante do logo do partido [Europa Press]

Esta terza feira, 10 de decembro, é o día 1 do novo Goberno na Arxentina. Alberto Fernández e Cristina Fernández, como presidente e vicepresidenta do país, chegan á Casa Rosada tomando o relevo do dirixente saínte, Mauricio Macri, e coa complicada tarefa de endereitar a crítica situación socioeconómica actual. Ambos os dous, con senllos tweets animando a participar nos actos do traspaso de poderes, coincidiron na mensaxe: "O 10 de decembro comezamos a pór a Arxentina outra vez de pé". 

Os dous tweets incluían unha imaxe cun corazón amarelo latexando, rodeado por dous círculos celeste e branco (as cores da bandeira arxentina), acompañada polos textos "Democracia para sempre", "Patria para Todxs" e "Arxentina Unida", alén da data e dos horarios: "10-D" e "10 h. Congreso, 14 h. Praza de Maio".

O período que agora comeza véntase de máxima dificultade. O Goberno debe afrontar a débeda con organismos internacionais, como o FMI, e cos acredores privados, nun momento en que a pobreza asola a Arxentina: 16 millóns de persoas, 40,8% da poboación; alén de 3,6 millóns de arxentinas e de arxentinos, 8,9%, sumidos na total indixencia. Son datos do último informe do Observatorio da Débeda Social da Universidade Católica Arxentina, correspondente ao terceiro trimestre de 2019.

Que se debe?

Fronte a este panorama desolador, o Goberno da dupla Fernández e Fernández ten pendentes diversos pagos da débeda contraída nestes anos. Nos catro vindeiros tería que abonar un total de 200.00 millóns de dólares en capital e intereses, cifra que só en 2020 superará os 60.000 millóns. Dese total, a débeda con acredores privados alcanza os 35.000 millóns, a metade en moeda estranxeira.

Deste xeito e segundo as declaracións realizadas durante a campaña electoral comprometéndose ao pago da débeda co FMI, as opcións do binomio entrante redúcense a elixir entre a fatalidade e a estreiteza. É por isto que desde as posicións máis á esquerda se aposta por medidas urxentes como o non cumprimento co Fondo, a nacionalización da banca ou o monopolio estatal do comercio exterior.

A herdanza de Mauricio Macri

Mauricio Macri, con bágoas nos ollos, despediuse o sábado ante ducias de miles de persoas da Presidencia da Arxentina cun mitin na Praza de Maio.

mauricio_macri

Un Macri que cando chegou ao poder aludiu desde o primeiro momento e constantemente á "pesada herdanza" do kirchnerismo. A que el lega, a súa herdanza, deixa datos significativos alén dos dramáticos números en canto á pobreza. 

Segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística e Censos (Indec), a inflación deste ano aproximarase a 55%, a máis alta desde 1991, e calcúlase que a suba acumulada durante o mandato de Macri superará 220%.

Unha das principais causas desta forte inflación é a constante depreciación do peso desde a súa chegada. En decembro de 2015, cando asumiu o poder, o dólar cotizábase a 9,75 pesos, mentres que actualmente roza os 60 pesos.

O Goberno tratou de modificar esta tendencia botando man das reservas internacionais. Outro problema para o novo Executivo entrante: no último ano reducíronse arredor de 50% e xa están por baixo dos 50.000 millóns de dólares.

Comentarios