mércores 05/08/20

Arxentina non alcanza un acordo cos ‘fondos abutre’ mais nega estar en suspensión de pagamentos

Arxentina esgotou o prazo fixado para o pagamento a propietarios da débeda sen chegar a acordo cos ‘holdouts’, que exixían 1.300 millóns de dólares apoiados na sentenza dun xuíz estadounidense.

Está Arxentina en ‘default’ (suspensión de pagamentos)? A axencia de cualificación Standard & Poor's di que está nunha suspensión de pagamentos selectiva. O goberno négao con rotunidade. Cumprido o prazo fixado para o pagamento a posuídores da débeda sen chegar a acordo cos ‘holdouts’ (fondos abutre) que reclamaban o pagamento de 1.300 millóns de dólares, as interrogantes abertas son moitas.

Após unha reunión de seis horas, o ministro arxentino de Economía, Axel Kicillof, sinalaba que o seu país non podía acceder a esa reclamación e ofrecía a eses fondos “as mesmas condicións que dispuxeron ao resto dos bonistas que aceptaron os canxes de 2005 e 2010”. Mais os representantes dos holdouts rexeitaron a proposta.

O ministro adiantou que o goberno non vai asinar “nada que comprometa o futuro dos arxentinos” e anunciou que han recorrer ao dereito nacional e internacional para evitar que se perpetúe no tempo unha situación “inxusta”. Defendeu que Arxentina non está en suspensión de pagamentos posto que o goberno fixo fronte aos pagamentos dos bonistas que accederon á canxe, se ben os cartos foron bloqueados nun banco por decisión xudicial.

Arxentina fixo un xiro de 1.031 millóns de dólares o 26 de xuño para non caer no impago. Eses cartos están ‘conxelados’ nun banco.

comentarios