Artsakh, 30 anos de guerra no Cáucaso

Máis dunha trintena de mortos é o balance que deixa polo momento a intensificación do conflito entre Acerbaixán e Armenia vivido nas últimas horas, e que ten a independencia da República de Artsakh –até 2017, Nagorno Karabakh, territorio que se recoñece internacionalmente acerbaixano– como o seu pano de fondo.
EuropaPress_3344356_manifestacion_comunidad_armenia_estados_unidos_frente_sede_naciones_unidas (1)
photo_camera Manifestacion da comunidade armenia nos Estados Unidos fronte á sede da ONU, onte en Nova York (Albin Lohr-Jones / Zuma Press)

Os enfrontamentos entre forzas de Acerbaixán e de Armenia continuaron onte por segundo día consecutivo tras a ofensiva iniciada polos primeiros contra a República de Artsakh, máis coñecida polo seu antigo nome ─desde a declaración de independencia, en 1991, a 2017─, Nagorno Karabakh ("Alto Karabakh"). 

De influencia persa e maioría demográfica armenia, pasou a ser un protectorado da Rusia zarista a finais do século XX, con administración desde a capital acerbaixana, Bakú. En 1920, tras a Revolución rusa, a axencia para o Cáucaso (Kavbiuro) ─malia a oposición da poboación e do Partido Comunista de Armenia─ evitou a arelada unificación con Armenia, unha decisión que se deu no contexto dos conflitos nacionais-étnicos na rexión e do seu proceso de sovietización. 

Durante toda esta era soviética, Nagorno Karabakh pertenceu a Acerbaixán. Na década de 1980, o movemento nacional armenio no Karabakh solicitou de novo a reunificación, mais a petición non foi atendida polo Goberno central da URSS. O Parlamento da República Socialista de Armenia tamén aprobou en 1988 a incorporación do territorio, medida que de novo bloqueou Moscova.

Conflito armado

Mais axiña caeu a URSS en 1991, o territorio proclamou a independencia en 2 de setembro dese ano. A declaración foi seguida dunha guerra entre Armenia e Acerbaixán que en tres anos de enfrontamentos bélicos deixou uns 25.000 mortos. 

En 1994, as partes en conflito ─Acerbaixán, Armenia e Nagorno Karabakh─ asinaron unha tregua auspiciada por Rusia. Como resultado, Acerbaixán perdeu o control sobre o territorio e outros sete distritos adxacentes, que foron ocupados por Armenia como "faixa de seguridade". Ao mesmo tempo, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) creou o Grupo de Minsk ─copresidido por Rusia, Francia e os EUA─ co fin de dar solución ao conflito. 

Artsakh gobérnase desde entón como un Estado independente de Acerbaixán ─de facto mais non de iure, xa que ningún país recoñeceu a secesión─ e mantén estreitos lazos con Armenia. A conexión relixiosa é chave: Acerbaixán é un país de maioría musulmá e en Armenia 95% da poboación profesa o cristianismo baixo a Igrexa apostólica armenia. Esta división foi causa de violencia ao longo da historia. 

Último lustro

Malia non haber unha guerra aberta, os enfrontamentos foron continuos no último lustro entre os Exércitos de Artsakh e Armenia por un lado e de Acerbaixán polo outro. O máis intenso produciuse en abril de 2016 e deixou uns 300 mortos. 

Máis recentemente, os choques intensificáronse, non só na zona de Nagorno Karabaj, senón tamén na fronteira entre Acerbaixán e Armenia. O actual iniciouse en xullo e chegou nas últimas horas ao seu nivel máis crítico co uso de artillaría pesada e de aviación. Daquela, miles de persoas manifestáronse na capital de acerbaixana, Bakú, reclamando unha acción bélica por parte do seu Goberno contra Armenia co fin de recuperar o control de Nagorno Karabakh.

Agora, segundo as últimas informacións, 31 militares de Artsakh morreron desde o domingo. O presidente, Araik Arutiunián, comunicou a través de Facebook que había feridos e mortos tamén entre a poboación civil e que "cazas turcos F-16", chegados ao país "hai un mes" co "pretexto de participar nunhas manobras" foran usados na ofensiva. 

Pola súa banda, Acerbaixán dixo que un dos ataques armenios contra instalacións militares na rexión provocara a morte a cinco membros dunha familia. As autoridades dos tres territorios declararon a lei marcial e unha mobilización xeral.

Os dous bandos acusáronse mutuamente do inicio das hostilidades. Porén, foron as forzas acerbaixanas quen atravesaron a fronteira co Artsakh e ocuparon unha zona montañosa no norte e varias vilas próximas ao Irán. 

Independencia

O Goberno da República de Artsakh considera que o recoñecemento da independencia é a "resposta máis efectiva da comunidade internacional" á ofensiva acerbaixana. Mais polo momento nin sequera o fixo Armenia que, con todo, apoia o dereito de autodeterminación deste territorio. 

Esta é unha das razóns de peso presentadas polo Goberno de Acerbaixán, que insiste en que Nagorno Karabakh é considerado internacionalmente como parte integrante do seu territorio, polo que reclama a disolución da República da Artsakh e poder recuperar o control da rexión. 

En 1992 ─no medio da guerra─ case a totalidade da poboación de Nagorno Karabakh votou a favor de estabelecerse como unha República independente.

Comentarios