Arrimadas arrasa nas preprimarias no Estado, mais naufraga na Galiza

A Galiza compórtase de forma distinta até no seo dunha forza como Ciudadanos, que nega a plurinacionalidade do Estado. Os resultados das votacións internas para a elección de compromisarias que escollerán a nova presidencia do partido deixou un sorprendente resultado: mentres Inés Arrimadas arrasou en todo o Estado, o sector crítico venceu na Galiza, e tan só tres días despois de que a oficialista Beatriz Pino gañase as primarias galegas por 16 votos.  
 
Inés Arrimadas apoiou Beatriz Pino nas primarias de Cs para elixir candidata á Xunta.
photo_camera Inés Arrimadas apoiou Beatriz Pino nas primarias de Cs para elixir candidata á Xunta (Imaxe: Rosa Veiga / Europa Press)

Até 78% das e dos compromisarios elixidos durante a fin de semana pola afiliación de Ciudadanos (Cs) no Estado español son afíns á actual líder e portavoz da formación laranxa no Congreso, Inés Arrimadas. A política catalá relevou o fundador do partido, Albert Rivera, á fronte de Cs após este dimitir tras os malos resultados conseguidos nas eleccións xerais de 10 de novembro de 2019, en que Cs perdeu 47 escanos respecto aos comicios de abril dese mesmo ano. 

Con todo, a vitoria absoluta de Inés Arrimadas non é uniforme en todo o Estado. Paradoxalmente, unha formación negadora da realidade nacional galega é capaz de experimentar no seu propio o feito diferencial galego. 

A Galiza comportouse de maneira distinta  dentro de Ciudadanos

E é que a Galiza se comportou de maneira distinta esta fin de semana dentro de Ciudadanos. Mentres Arrimadas arrasaba en compromisarias e compromisarios favorábeis á súa candidatura, na Galiza non lograba máis de 33% de apoio, e a candidatura Cs Eres Tú, crítica con Arrimadas, lograba facerse con 60% de compromisarias. 

Todas estas persoas electas no Estado están chamadas a representar a afiliación o 14 e 15 de marzo na Asemblea Xeral de Ciudadanos e escoller a persoa que presidirá o parido. 

Unidos y Adelante, a plataforma oficialista nucleada ao redor de Arrimadas, informou onte de que contan con  277 dos 355 compromisarios. As críticas da plataforma Cs Eres Tú, cuxo principal referente é o vicepresidente da Xunta de Castela e León e contrincante de Arrimadas nas primarias, Francisco Igea, colleitou 21 delegadas, 5,9% do total.

O resto de persoas electas, 57 (16% do total) non pertencen a ningunha das dúas plataformas en pugna. 

A Galiza vota diferente

Arrimadas gañou e fíxoo por goleada en provincias como Madrid (48 representantes oficialistas fronte a 1 crítico), Barcelona (26 e 0), Asturies (9 a 0), Zaragoza (9 a 0), Valencia (15 a 0), Alacant (12 a 0), Murcia (14 a 0), As Palmas (8 a 0), Sevilla (11 a 0), Granada (10 a 0) ou Almería (9 a 0).

Só na Galiza e nas provincias castelás de Ávila e Valladolid a plataforma crítica obtivo máis compromisarias que a de Arrimadas e independentes. 

Apenas tres días depois de Beatriz Pino, apoiada por Arrimadas, facerse coa candidatura de Ciudadanos á Xunta da Galiza por unha diferenza de tan só 16 votos, a plataforma crítica vén de dar a volta aos resultados. En Lugo conseguiron facerse con 100% das compromisarias e lograron impoñerse na Coruña e Pontevedra. 

Desde a plataforma crítica Cs Eres Tú na Galiza sinalaron atoparse "preparadas" para a seguinte votación, na que apoiarán Francisco Igea para a presidencia do partido. Igea ademais aposta por dúas galegas para formar a  próxima executiva do partido: a concelleira, portavoz de Cs en Lugo e ex líder da formación na Galiza, Olga Louzao e conta tamén con María Ángeles Fernández, politóloga e responsábel de programas até que dimitiu no pasado mes de xullo amosándose crítica coa deriva da formación cara ao espazo de Vox. 

Manuel J. Morgade tamén será compromisario após ser electo por Pontevedra. Este vigués vén ademais de rivalizar a pasada semana con Beatriz Pino nas primarias para encabezar a candidatura á Xunta da Galiza, onde perdeu por 16 votos. 

Polémica pola elección da candidata á Xunta

Precisamente, a plataforma de Morgade, Cs Eres Tú, emitiu onte un comunicado público após a proclamación de Pino como vencedora, denunciando que a Comisión de Garantías lles remitiu un censo de 428 persoas con anterioridade á data das primarias, mentres que ao revisaren a acta de votación das eleccións  se atoparon coa "sorpresa" de que había 588 persoas no censo.

Excluír a minoría

O modelo de listas abertas para a elección de delegadas e delegados para participar da Asemblea Xeral amosa a laminación que as listas abertas supoñen sempre para as minorías, a pesar de que habitualmente se di no seu favor que son "máis democráticas". O certo é que as listas abertas favorecen a maioría e deixan infrarrepresentadas e mesmo anuladas as minorías.

Este foi o procedemento elixido por Cs. Cada afiliado puido riscar un número proporcional de compromisarios na lista e, ao facer o escrutinio ordenáronse de máis a menos votados. Os primeiros máis apoiados foron os electos. Así, por exemplo, en Madrid, dos 49 electos tan só un crítico conseguiu colarse. Os candidatos que ficaron por debaixo quedaron fóra da Asemblea Xeral, independentemente da porcentaxe que lograsen, aínda mesmo nun suposto de que tivesen colleitado 49,9% de apoio. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios