Arranca o Goberno do Estado co primeiro Consello de Ministras

O primeiro Executivo central de coalición desde a II República española bota a andar co seu primeiro Consello de Ministras e Ministros, que ten lugar esta terza feira, 13 de xaneiro, após asumiren onte as súas carteiras. Quen non está é a xa ex ministra de Xustiza, Dolores Delgado, ao non revalidar no cargo e ser proposta polo presidente Pedro Sánchez como Fiscala Xeral do Estado. Este nomeamento é para o PP unha afronta á separación de poderes e anunciou que o recorrerá nos tribunais.  
 
Foto de familia do novo Consello de Ministras e Ministros co rei Filipe de Borbón (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Foto de familia do novo Consello de Ministras e Ministros co rei Filipe de Borbón (Imaxe: Europa Press)

Oito meses pasaron no Estado español cun Executivo central en funcións. Lonxe quedan xa aqueles comicios xerais de 28 de abril de 2019 que levaron á repetición das urnas no mes de novembro, dada a ausencia de acordos para a conformación de Goberno. Finalmente, e após callar o pacto entre o PSOE e Unidas Podemos, no día de hoxe reúnese por vez primeira o Consello de Ministras e Ministros do Executivo de coalición.

O cumio prodúcese apenas 24 horas despois do acto de toma de posesión das carteiras ministeriais, que decorreu na mañá de onte no Palacio da Zarzuela.

Os nomes das ministras e ministros foran xa comunicados a Filipe VI polo presidente Pedro Sánchez o pasado domingo vía telefónica, e non de maneira presencial na propia residencia real, tal e como viña sendo habitual.

Mais o equipo de Sánchez non só é novidoso por estar conformado por persoas propostas por dúas formacións políticas, senón que tamén o é polo seu tamaño, pois alcanza os 23 membros, entre os que se atopan catro vicepresidencias. Todas elas tomaron posesión onte ante o rei, nun acto sen simboloxía relixiosa e coa man pousada sobre a Constitución española.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios