Arranca a cimeira sobre cambio climático da ONU após "un ano perdido"

Os cambios graduais xa non valen de nada, reiteran os expertos, que instan a lanzar transformacións radicais ante as últimas oportunidades para moderar o quecemento global. 
Rescate de persoas afectadas polas inundacións sen precedentes en Xingyang, China, en 2022. (Foto: Organización das Nacións Unidas)
photo_camera Rescate de persoas afectadas polas inundacións sen precedentes en Xingyang, China, en 2022. (Foto: Organización das Nacións Unidas)

O domingo comezou na cidade exipcia de Sharm El-Sheikh a 27ª Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas (ONU) sobre o Cambio Climático, cuxo final está previsto para o 18 de novembro, así e todo, nas últimas cimeiras da institución sobre esta cuestión foi preciso prorrogar as xuntanzas até chegar a unha resolución común.

A pesar de que o ministro de Exteriores de Exipto e presidente da COP27, Sameh Shoukry, deixou claro que nesta ocasión trátase de implementar os acordos de Glasgow nun “momento decisivo”, as perspectivas non son boas.

O último informe do Programa da ONU de Medio Ambiente, feito público ás portas da cimeira, cualifica estes doce meses de suposta loita contra o quecemento global como “un ano perdido”, todo isto tendo en conta que na anterior conferencia, que se desenvolveu en Glasgow (Escocia) os avances xa foran “lamentabelmente insuficientes”.

Simplemente, a suposta estratexia que os países do mundo están a pór en marcha “non e críbel”, sostén a ONU, que corroborou como as reducións de emisións de gases de efecto invernadoiro comprometidas este ano equivalen a menos de 1% das emisións proxectadas para 2030.

A cuestión é que para limitar a 1,5ºC o quecemento medio do planeta a final deste século en comparación  coa era preindustrial, como fixou a COP21 de París en 2015, a redución desde 2010 a 2030 debería ser de 45%. Porén, neste intre lánzanse á atmosfera 10% de gases.

Coa situación actual, en 2100 o incremento da temperatura global será do 2,8ºC, e no mellor dos casos, tendo en conta todos os compromisos incluídos nos plans estatais, o aumento sería de 2,4ºC.

Transformacións radicais

“Incluso se non cumprimos cos nosos obxectivos para 2030, debemos esforzarnos por achegarnos o máis posíbel a limitar o quecemento global a 1,5ºC”, insistiu Inger Andersen, directora executiva do Programa da ONU.

Andersen ratificou que o estudo “di en termos científicos fríos o que a natureza estivo a dicirnos ao longo do ano por medio de inundacións devastadoras, tormentas e incendios sen precedentes”. Por iso, a oportunidade de aplicar cambios graduais quedou moi atrás, láiase, e “unicamente a transformación de pes a cabeza das nosas economías e sociedades pode salvarnos da aceleración da catástrofe climática”.

O departamento critica bancos e outros axentes financeiros por restrinxir a posta en práctica das solucións climáticas “debido aos seus intereses a curto prazo e obxectivos contraditorios".

A única solución é “unha transformación do sistema financeiro e as súas estruturas e procesos”, para consideralo un sector “críbel” no que respecta aos seus esforzos para mitigar os efectos do cambio climático, asegura.

Unha mudanza semellante tería que acontecer nos sectores enerxético, industrial, do transporte e a construción, así como nos sistemas alimentarios, que poderían reducir un terzo as súas emisións con políticas integrais que afecten desde a protección dos ecosistemas naturais ate a descarbonización das cadeas de subministración.

"Hai que dicir a verdade. O impacto do cambio climático en varios países do mundo, especialmente nos puntos quentes, xa é devastador", subliñou o secretario xeral da ONU, António Guterres, que reclamou aos países con máis recursos que entreguen canto antes os 100.000 millóns de euros de financiamento que prometeran aos países en desenvolvemento que padecen os impactos máis duros do cambio climático.

Hai que "devolver o cambio climático ao centro do debate internacional", reiterou, facendo un chamamento á cooperación entre a China e os Estados Unidos para que lideren a abordaxe desta problemática.

A responsabilidade dos países máis ricos

Para Exipto, organizar esta cimeira é unha oportunidade para unificar as demandas dos países do continente africano e dos territorios en desenvolvemento, apuntan as autoridades locais. Precisamente son Estados cun baixo nivel de emisións como as Maldivas (tres veces menos emisións per cápita que os Estados Unidos) ou Paquistán (14 veces menos) os maiores afectados polas consecuencias deste fenómeno, chegando incluso a estar en risco de desaparecer, como acontece coas nacións insulares do Pacífico ou o Índico.

Amais, foron maioritariamente países desde grupo os poucos que respectaron os acordos asinados en Glasgow hai un ano, ao remitir novos plans estatais de limitación de emisión ou actualización destes programas. Só 24 territorios do mundo o fixeron, de 193 participantes na COP26.

“A conversa non alimenta aos que morren de fame”, subliñou Madeleine Diouf Saar, presidenta do Grupo de países menos desenvolvidos sobre o cambio climático, que exixe medidas urxentes e lembra que os Estados que representa emiten arredor de 1% dos gases de efecto invernadoiro. Isto non evita que entre 5% e 15% do crecemento económico en África se perda polo cambio climático, nun continente onde 50 millóns de persoas están a sufrir fame pola peor seca das últimas catro décadas.

Facendo fincapé en que os países con máis recursos económicos deben asumir a responsabilidade dos seus actos, Diouf cuestiona a permisividade cos inxentes beneficios que estes Estados obteñen dos países menos desenvoltos grazas aos efectos do cambio climático que eles mesmos xeraron.

Comentarios