Armenia denuncia unha tentativa de golpe de Estado

A ex república soviética acentúa a súa crise con esta situación.
O presidente armenio, Nikol Pashinián. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente armenio, Nikol Pashinián. (Foto: Europa Press)

O presidente da República de Armenia, Nikol Pashinián, denunciou hoxe unha tentativa de golpe de Estado militar, após exixir o Estado Maior das forzas armadas do país a súa dimisión como xefe do Executivo. A solicitude da cúpula militar produciuse despois de que o mandatario da antiga república soviética destituíse o primeiro subxefe do Estado Maior, Tirán Jachatrián, quen na terza feira criticou a Pashinián por afirmar que os sistemas rusos de mísiles balísticos de curto alcance Iskander, empregados polos militares armenios durante o conflito en Nagorno Karabaj, eran defectuosos.

"O primeiro ministro e o Goberno de Armenia de agora en diante non están en condicións de adoptaren decisións axeitadas nesta situación de crise fatídica para o pobo armenio", sinala o comunicado do Estado Maior, quen denuncia que o cese Jachatrián foi adoptado “por motivos miopes e non razoábeis” e “sen ter en conta os intereses nacionais”.

A declaración dos militares é a expresión da fenda aberta nese país nos últimos tempos e moi particularmente tras a súa recente derrota na guerra con Acerbaixán, que ten provocado unha caída moi importante da popularidade Pashinián e unha vaga de protestas contra a súa política.

Nikol Pashinián cualificou as demandas militares como “unha tentativa de golpe militar”, alentou os seus seguidores a tomar as rúas concentrándose na praza da República da capital do país en Ereván e afirmou a súa vontade de reconducir a situación.

“A policía e outras forzas da orde garantirán a seguridade”, destacou o mandatario armenio, quen cualificou o pronunciamento do Estado Maior como “unha reacción emocional” e sinalou que a “situación é tensa, mais controlábel, cunha maioría do Exército que aínda obedece ao primeiro ministro e ao pobo”.

As próximas horas van ser chaves para a resolución do conflito, con importantes variábeis xeoestratéxicas. A un tempo, amosa a situación de inestabilidade no patio traseiro de Rusia, que ten levado o presidente, Vladimir Putin, a denunciar unha operación das potencias occidentais para debilitar a súa posición na zona.

Por outra banda, Pashinián tense caracterizado por marcar distancias con Moscova e aproximarse a Francia e aos Estados Unidos, polo que a súa caída favorecía os intereses do Kremlin. 

Comentarios