Apupos a Wert no Teatro real de Madrid

Ao berro de "demisión" e "fóra" o ministro de Educación español foi recibido no acto de homenaxe á 'mezzosoprano' Teresa Berganza. Wert non recúa na aprobación da LOMCE malia a oposición popular. Vídeo no interior

Os desplantes e apupos ao ministro de Educación español estanse a converter en algo habitual. A teimosía do popular --que rexeita retirar a reforma da lei de Educación-- sitúano como un dos integrantes do Goberno peor valorados. Aliás, a cidadanía non perde ocasión para lle exixir a demisión.

Estaba acompañado pola raíña española --cuxa institución tampouco pasa polo mellor momento. Os escándalos de corrupción que salfiren á monarquía e a perda de apoio cidadán deixan á Coroa española, tamén, no seu momento máis baixo. 

Exixirán ao ministro que dea marcha atrás no Decreto que modifica os criterios de concesión das bolsas
Wert négase a recuar no endurecemento dos criterios de concesión das axudas ao estudo universitario. O borrador presentado polo Ministerio de Educación prevé a redución do orzamento destinado a este tipo de bolsas. Aliás, o executivo de Mariano Rajoy ten intención de engadir un complemento máis que condicionará a asignación ou denegación das axudas en función do nivel de renda, o rendemento académico do alumnado e a contía que se reserve para a propia convocatoria das axudas. 

O BNG defenderá unha PNL a prol do mantemento das axudas ao estudo e pola retirada do decreto que endurece os criterios de asignación

A suba das taxas, os recortes en Educación e este endurecemento nos requirimentos das bolsas "vai na dirección oposta a garantir o acceso universal" á Universidade, denuncian desde o BNG. Neste senso, @s deputadas nacionalistas no Congreso español presentarán unha Proposición non de lei para exixir ao goberno español "dar marcha atrás" no decreto que prevé a modificación do sistema de concesión de axudas ao estudo. Asemade, instarán ao ministro de Educación a eliminar a pretensión de endurecer os criterios de asignación das bolsas e a incrementar a contía orzamentaria destinada a este fin. 

Segundo o BNG, "o duro contexto de crise económica e as dificultades de moitas familias para costear os estudos d@s fill@s" exixe do Goberno o compromiso de cumprir "un dos obxectivos fixados" polo propio Ministerio que é "promover a igualdade de oportunidades" entre o alumnado e non, denuncian, fomentar a discriminación entre o estudantado. 

Comentarios