A previsión é que o Senado non mude o proxecto e entre en vigor o día 1 de xaneiro

Apróbanse os orzamentos xerais do Estado con 189 votos a favor, 54% da Cámara Baixa

O Pleno do Congreso aprobou hoxe o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español para 2021 co apoio de 11 formacións que suman o total de deputados e deputadas precisos para pasar as contas ao Senado para a súa aprobación definitiva.
EuropaPress_3462006_i-d_portavoz_parlamentario_unidas_podemos_pablo_echenique_ministra_hacienda
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, conversa co tamén ministro José Luis Ábalos. (Foto: E. Parra / Europa Press)

O Pleno do Congreso aprobou esta quinta feira o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español para 2021, os primeiros desde que Pedro Sánchez foi investido presidente en 2018, e que contaron co apoio de 11 formacións que suman 189 deputados e deputadas, 54% da Cámara Baixa.

Así, o Goberno español superou as votacións decisivas cos votos de ERC, PNV, EH-Bildu, PDeCAT, Más País-Equo, Compromís, Teruel Existe, Nova Canarias e do Partido Rexionalista de Cantabria. En contra votaron 154 deputadas e deputados do PP, Vox, Ciudadanos, Junts, UPN, Foro Asturias, Coalición Canaria e mais o BNG, que denunciou durante todo o proceso unha rebaixa de 104 millóns de euros na partida destinada para a Galiza.

O proxecto orzamentario foi obxecto de modificacións derivadas dos diferentes acordos cos socios de votación, xa que o Goberno español rexeitou pactar emendas con formacións que non fosen “amigas” deses orzamentos. A esta norma só lle escapou, con anterioridade ao Pleno, unha emenda pactada entre o Partido Socialista e Ciudadanos, cando aínda se postulaban como socios.

Durante a sesión plenaria, aprobáronse 18 emendas parciais, das que 15 foron presentadas por ERC e tres por JxCat, e que contaron co apoio das formacións que votaban contra os orzamentos.

En termos xerais, no contido das contas aprobadas hoxe, cómpre destacar a moratoria na Seguridade Social, de tres meses, para empresas e autónomos, pactada con ERC.

A tramitación das contas  produciuse de modo acelerada e prevese que sexa igual no Senado, posto que se pretende chegar ao 1 de xaneiro con elas aprobadas, pese a térense presentado cun mes de atraso a respecto do prazo que se marca na Constitución española.

O que mudou o Congreso

Após as negociacións, a Cámara Baixa limitou a subida do IVE aos produtos azucrados e aumentou substancialmente o gasto en partidas como a de dependencia, que medra en 566 millóns para as comunidades.

No tocante aos fondos europeos, dirixíronse 1.500 millóns para o plan de recuperación do emprego industrial, só nas áreas afectadas polos fechamentos, e 370 millóns para Educación Infantil, FP e o programa de reforzo de Primaria e Secundaria. As contas tamén recollen un fondo de 275 millóns de euros para o transporte público municipal.

Cambios que poden ser emendados á súa vez polo PSOE durante a tramitación do proxecto no Senado, mais coa introdución de novas modificacións, deberán volver a unha derradeira quenda de votacións no Congreso, o 29 de decembro, antes da entrada en vigor dos orzamentos.

Comentarios