Aproban a moción de censura en Suecia

Despois da decisión do Parlamento sueco o primeiro ministro ten seis días para decidir se convoca eleccións anticipadas ou se dimite e deixa á Presidencia do Parlamento que se encargue de tentar forxar unha nova maioría parlamentar.
O presidente de Suecia xunto o presidente do Consello de Europa. (Foto: Dario Pignatelli / European Counci / DPA)
photo_camera O presidente de Suecia xunto o presidente do Consello de Europa. (Foto: Dario Pignatelli / European Counci / DPA)

A moción de censura que planeaba sobre o primeiro ministro de Suecia, Stefan Lofven, do Partido Socialdemócrata, foi finalmente aprobada nesta segunda feira polo Parlamento do Estado escandinavo.

Lofven ten seis días para decidir se convoca eleccións anticipadas ou se dimite e deixa á Presidencia do Parlamento que se encargue de tentar forxar unha nova maioría parlamentar.

A moción contra o primeiro ministro foi encabezada polo Partido da Esquerda, que criticou a forza socialdemócrata por impulsar co apoio da dereita unha nova normativa para flexibilizar as políticas sobre a regulación de prezos no alugueiro en vivenda nova.

Os 181 votos a favor da aprobación da moción de censura, seis máis que a maioría que precisaban os impulsores, pode obrigar a que por primeira vez desde 1958 Suecia teña que levar a cabo eleccións anticipadas.

Hora de asumir a "responsabilidade"

O aínda primeiro ministro lembrou que ten días por diante para tomar unha decisión, e só indicou que se compromete a seguir traballando e a asumir a “responsabilidade”. Tamén apuntou que os partidos que votaron na súa contra conforman un grupo cun acordo “moi temporal”, polo que defendeu que non terán capacidade para presentar unha coalición alternativa.

As eleccións de 2018 deixaron un panorama atomizado no Parlamento sueco despois do aumento daquela dos sufraxios a extrema dereita. O único socio estábel de goberno dos socialdemócratas neste tempo foi o Partido Verde, co apoio externo de varias forzas como o Partido da Esquerda.

O seu líder, Nooshi Dadgostar, sentenciou que “cando ninguén máis quere contribuír á solución, terminamos”, e sinalou que a moción de censura foi unha ferramenta de último recurso.

Comentarios